Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO SUBLIÑA O EXCELENTE TRABALLO REALIZADO NA RECUPERACIÓN DAS VELLAS CETARIAS DO SARRIDAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, expresou a satisfacción do goberno local polo excelente resultado da obra de recuperación das antigas cetarias do Sarridal, unha intervención que executou a Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, pertencente ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, cun orzamento de 340.600€. En novembro pasado comezou a intervención, que tiña inicialmente un prazo de tres meses e que se prolongou un pouco máis por mor das condicións meteorolóxicas, que condicionaron o traballo na zona. “A estrea real das cetarias foi este verán, no que tiveron milleiros de visitas e comprobamos que constituíron un elemento de grande atractivo para a propia veciñanza e para as persoas que nos visitaron”, comentou o alcalde.

“A obra de acondicionamento das vellas cetarias que levou a cabo o Ministerio ten moita importancia pola revalorización dunha paisaxe extraordinaria e polo seu valor etnográfico, porque estas estruturas son un testemuño da importancia da pesca e o marisqueo en Cedeira”, destacou Moreda Gil. Os viveiros nos que se gardaban e engordaban as capturas cara a súa venda e distribución, principalmente fóra de Galicia, configuran un atractivo máis na península do Sarridal, un enclave que concentra unha gran variedade de elementos de interese turístico. Alí está o xacemento no que apareceu a pedra formosa máis antiga de Galicia, a poucos metros do Castelo da Concepción e da paradisíaca praia das Sonreiras. No paseo por este enclave están tamén o excepcional mirador de Punta Sarridal e a emblemática capela de San Antonio de Corveiro.

A obra, que executou a empresa Tragsa, abrangueu o acondicionamento dos accesos, coa habilitación dun sendeiro ao borde do cantil e a prolongación da escaleira de acceso á cala das Sonreiras, así como a instalación dunha malla de protección para estabilizar o talud e evitar desprendementos. Os traballos incluíron a extracción dos sedimentos acumulados no interior das dúas piscinas para restaurar a súa capacidade natural. Recuperáronse tamén os muros orixinais de pedra e reparáronse as fiestras e as súas reixas, ao tempo que se reconstruíron as cubertas parciais das estruturas con táboas de madeira. Tamén foi recuperada algunha maquinaria antiga, adecuáronse as zonas adxacentes e colocáronse paneis interpretativos tanto ao pé das cetarias como no mirador habilitado sobre elas no cantil.

Moreda Gil agradeceu a Demarcación de Costas a súa colaboración e apoio para facer realidade este proxecto, que levaba paralizado desde o ano 2011 por problemas técnicos e que o seu goberno sacou do caixón no anterior mandato. O Concello de Cedeira encargouse do informe de impacto ambiental e Demarcación de Costas someteuno a exposición pública a finais de 2018 e tramitou a adenda que era necesaria para actualizado e correxir os problemas que se detectaran na redacción orixinal.