Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

FORO PARA A PROMOCIÓN DO EMPRENDEMENTO NOS SECTORES PESQUEIRO E TURÍSTICO DE CEDEIRA

Este mércores 19 de outubro o Concello de Cedeira celebrou na sede da Confraría de Pescadores de Cedeira, un foro para o fomento do emprendemento na vila.

Co proxecto PESCATURACCION promoveuse o nacemento de novas ideas emprendedoras nos sectores do mar, natureza e do turismo, que son clave para o desenvolvemento económico e social da vila.

O impulso emprendedor incentivouse coa invitación ao foro de experiencias emprendedoras de éxito noutros territorios galegos, para que contasen aos asistentes a súa traxectoria na posta en marcha da súa empresa.

A xornada foi iniciada polo alcalde de Cedeira Pablo Moreda que presentou a Marca Territorial de Cedeira seguida da intervención da Concelleira de Turismo Carmela Prieto, que deu a coñecer diferentes actuacións que se executaron durante estes anos e que recolle o Plan de Mellora para os sectores da Pesca e o Turismo de Cedeira.

No foro contouse coa presencia de Cristina García de Algas La Patrona (Cambados), José Antonio García do restaurante Amaragotas (Mugardos) e con Juan Blanco do parque de aventura Naturmaz (Mazaricos). Que relataron como foron os seus inicios, o que lles animou a poñer en marcha a empresa, a innovación da súa idea e o punto onde se atopan nestes intres.

A xornada rematou cunha degustación de produtos locais procedentes do mar.