Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A parroquia de San Román xa ten a súa propia asociación de veciños

A PARROQUIA DE SAN ROMÁN XA TEN A SÚA PROPIA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS

O goberno de Cedeira aplaude a creación da Asociación de Veciños de San Román, porque “contribuirá á dinamización da parroquia, porque velará polos intereses dos veciños e porque coas súas accións mellorará a calidade de vida dos seus habitantes”.

Así o puxeron onte de manifesto o alcalde, Pablo Moreda Gil, e máis a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, na reunión mantida coa directiva constituínte, formada principalmente por xente moza.

Esta boa acollida por parte do executivo local púxose de manifesto co compromiso da cesión en precario do escolar da parroquia e coa execución dalgunhas obras para facer do mesmo un lugar de encontro e de reunión de persoas de todas as idades de San Román. Dentro deste apartado falouse da realización de obras para a acometida de auga e para a conexión á rede de saneamento.

Os responsables municipais tamén deron conta no transcurso da reunión das posibilidades que existen para que esta nova entidade poida acollerse ás subvencións públicas coas que o goberno municipal busca fomentar a cultura e o deporte a través das axudas que, en libre concorrencia, se reparten entre as asociacións locais.

Fin de semana de maxia, teatro, música e arte urbano en Cedeira

FIN DE SEMANA DE MAXIA, TEATRO, MÚSICA E ARTE URBANO EN CEDEIRA

Maxia, teatro, música e graffitis son as citas culturais que coincidirán esta fin de semana na vila de Cedeira.

A programación dará comezo o venres 12 co espectáculo “A Volta a Galiza en 313 concellos” do Mago Antón. Haberá un total de seis pases de maxia ás 12:00, 13:00, 17:00, 18:00 19:00 e 20:00 horas de 45 minutos de duración cada un. A praza Roxa será a referencia para aqueles que desexen descubrir os recunchos da ilusión.

Ese mesmo día, pero ás oito da tarde, o auditorio municipal acollerá a posta en escena da obra “As cores do tempo” a cargo do grupo local Teatro da Vila. Esta actividade responde ao ciclo de teatro afeccionado organizado pola mesma formación que a vai representar.

Durante a xornada do sábado13 outubro haberá música e graffiti na rúa Convento (11.00 horas) da man de Álvaro Muras e Xan Eguia, que traen á vila o seu “Funkegraffiti” a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Xan Eguia será o autor dun debuxo de arte urbano que ocupará unha das pared dun edificio situado entre a devandita rúa e a avenida da Area.

As actividades proseguirán coa celebración do concurso de Espantallos na praza do Floreal organizado pola AVV de Piñeiro e coas as actuacións dos Zares, Dr. Robert e Ardecasas promovidas pola Asociación Cultural Discalz@s no marco da iniciativa que leva a nome de “Parque Pista Floreal”.

Xantar bingo solidario

XANTAR BINGO SOLIDARIO

A beneficio da AECC co motivo do “Día Mundial do Cancro de Mama”, a Asociación Española contra o Cancro de Cedeira en colaboración co Concello, organiza un “Xantar – Bingo” solidario o domingo 28 de outubro, ás 14.30 horas na cafetería do Auditorio Municipal.
O prezo do xantar será de 20€, e require inscrición previa, que debe realizarse na Cafetería do Auditorio antes do 26 de outubro.