Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COVID-19

CEDEIRA PASA AO NIVEL DE MÁXIMAS RESTRICIÓNS

Onte saíu publicada no DOGA a orde da consellería de sanidade e o decreto que varía a situación do Concello de Cedeira pasando ao nivel de máximas restricións, con eficacia desde o xoves 21 de xaneiro.
A grandes rasgos esta nova modificación modifica a situación na que xa estabamos en varios aspectos:
  • Mobilidade: só poderemos desprazarnos polo noso concello salvo nas excepcións marcadas na norma (traballo, retorno de estudantes ao fogar familiar, servizos esenciais, coidado de persoas, alimentación e coidado de animais…).
  • Hostelería e restauración: o horario de peche mantense nas 18.00 h. pero só poderán atender en terraza cunha ocupación máxima do 50%. O servizo a domicilio mantense ata as 00.00 h. e de recollida no local ata o límite do toque de queda, 22.00 h.
  • Centros de ocio infantil:permanecerán pechados.
No resto de situacións mantéñense as que xa tiñamos:
  • Reunión: Limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación.
  • Actividades deportivas (federadas de carácter autonómico e non federadas), e actividades socio-culturais: grupos de máximo 4 persoas + monitor.
  • Comercio: peche as 21.30 h. con ocupación máxima do 50 %
Estaremos atentos ao desenvolvemento da reunión do consello interterritorial de saúde no que se debatirá o horario do toque de queda poidendo ser adiantado. Nese caso terá que facerse aínda o comunicado e a seguinte publicación do decreto coa data de inicio do mesmo.

ANUNCIO DA CONCESIÓN DE AXUDAS DENTRO DO PROGRAMA PEL-REACTIVA DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O programa PEL-Reactiva está financiado no 80% pola Deputación da Coruña e no 20% restante polo Concello de Cedeira. A convocatoria vai dirixida ás pemes e autónomos que tiveron que paralizar a actividade como consecuencia do decreto de declaración de estado de alarma dictado en marzo pasado, así como aos negocios que viron reducida a súa facturación nun 75% respecto á media do semestre natural anterior e aos que tiveron que acollerse a un ERTE.

DESCARGA PDF anuncio da concesión de axudas dentro do Programa PEL-REACTIVA da Deputación da Coruña de axudas a concellos adheridos ao Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña

VALDOVIÑO, CABANAS, CEDEIRA OU CARIÑO GAÑARON POBOACIÓN POLA PANDEMIA

O Instituto Galego de Estatística (IGE) aínda manexa os datos do 1 de xaneiro de 2020 como as cifras oficiais de poboación, pero algúns concellos xa botaron contas e comprobaron que o seu padrón creceu o ano pasado, rompendo a tendencia das últimas décadas. O aumento máis avultado, un 5,71 %, é o que se rexistrou en Valdoviño, que gañou 374 habitantes, ata os 6.916. Cabanas pasou de 3.274 a 3.434 (160 máis); Cedeira remontou desde 6.676 ata 6.814 (un incremento de 138) e Cariño sumou 13 altas novas, ata situarse en 3.788.

As cifras engordaron sobre todo na costa, aínda que hai varios concellos aos que aínda non lles deu tempo a realizar os cálculos. Valdoviño colócase a 84 veciños dos 7.000 e ese é o obxectivo da campaña de difusión que o Concello vai pór en marcha a través das redes sociais, «xa que permitiría sumar ingresos para continuar ampliando servizos», subliñan desde o goberno local.

Con esta iniciativa aproveitarán para divulgar «algúns dos argumentos polos que é un lugar perfecto para vivir». O alcalde, Alberto González, destaca «as posibilidades que ofrece o municipio para desenvolver un estilo de vida saudable e en contacto permanente coa natureza», como un dos factores «fundamentais para elixir Valdoviño como lugar de residencia habitual».

O aumento da poboación nestes concellos da comarca constitúe, seguramente, o único efecto positivo da pandemia do covid-19. Os empadroamentos nalgúns destes municipios empezaron a subir na primavera, durante o confinamento. «O [primeiro] estado de alarma animou a persoas residentes a empadroarse para xustificar así a mobilidade», explica o rexedor valdoviñés. En varios casos, máis que animar forzou a regularizar situacións persoais.

A Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local estipula que «quen viva en varios concellos deberá inscribirse no que habita durante máis tempo ao ano». Pero esta norma non sempre se cumpre e había quen, a pesar de residir durante a maior parte do ano neste municipio, non figuraba no padrón. O rexedor de Cabanas, Carlos Ladra, tamén atribúe os 160 novos empadroados ao coronavirus, que levou a persoas con segunda residencia na localidade a inscribirse. Nalgún caso, foron as vantaxes para o uso do aparcadoiro durante o pasado verán o que motivou a decisión.

O mandatario local de Cedeira, Pablo Moreda, entende que a pandemia tivo moito que ver nas 138 altas: «Supoño que si, porque o índice de nacementos e defuncións seguiu igual que nos anos anteriores, incluso houbo algunha defunción máis e menos nacementos. Está claro que se recuperamos poboación foi por efecto da pandemia ou as vantaxes do teletraballo».

Cariño suma por primeira vez

O 21 de xaneiro cumpriranse 33 anos da segregación de Cariño. E desde que existe como concello é a primeira vez que gaña poboación, con 13 novos censados, ata 3.788. «Sen dúbida a situación do covid ten un peso importante, moitos cariñeses que estaban fóra empadroáronse de novo; e tamén houbo bastante adquisición de vivenda», subliña o alcalde, J. Miguel Alonso Pumar. «O importante -resalta- non é tanto a subida como ter freado un descenso dunhas 70 persoas ao ano».

Fonte: La Voz de Galicia

ENLACE A NOTICIA Valdoviño, Cabanas, Cedeira ou Cariño gañaron poboación pola pandemia