VALDOVIÑO, CABANAS, CEDEIRA OU CARIÑO GAÑARON POBOACIÓN POLA PANDEMIA
O Instituto Galego de Estatística (IGE) aínda manexa os datos do 1 de xaneiro de 2020 como as cifras oficiais de poboación, pero algúns concellos xa botaron contas e comprobaron que o seu padrón creceu o ano pasado, rompendo a tendencia das últimas décadas. O aumento máis avultado, un 5,71 %, é o que se rexistrou en Valdoviño, que gañou 374 habitantes, ata os 6.916. Cabanas pasou de 3.274 a 3.434 (160 máis); Cedeira remontou desde 6.676 ata 6.814 (un incremento de 138) e Cariño sumou 13 altas novas, ata situarse en 3.788.
As cifras engordaron sobre todo na costa, aínda que hai varios concellos aos que aínda non lles deu tempo a realizar os cálculos. Valdoviño colócase a 84 veciños dos 7.000 e ese é o obxectivo da campaña de difusión que o Concello vai pór en marcha a través das redes sociais, «xa que permitiría sumar ingresos para continuar ampliando servizos», subliñan desde o goberno local.
Con esta iniciativa aproveitarán para divulgar «algúns dos argumentos polos que é un lugar perfecto para vivir». O alcalde, Alberto González, destaca «as posibilidades que ofrece o municipio para desenvolver un estilo de vida saudable e en contacto permanente coa natureza», como un dos factores «fundamentais para elixir Valdoviño como lugar de residencia habitual».
O aumento da poboación nestes concellos da comarca constitúe, seguramente, o único efecto positivo da pandemia do covid-19. Os empadroamentos nalgúns destes municipios empezaron a subir na primavera, durante o confinamento. «O [primeiro] estado de alarma animou a persoas residentes a empadroarse para xustificar así a mobilidade», explica o rexedor valdoviñés. En varios casos, máis que animar forzou a regularizar situacións persoais.
A Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local estipula que «quen viva en varios concellos deberá inscribirse no que habita durante máis tempo ao ano». Pero esta norma non sempre se cumpre e había quen, a pesar de residir durante a maior parte do ano neste municipio, non figuraba no padrón. O rexedor de Cabanas, Carlos Ladra, tamén atribúe os 160 novos empadroados ao coronavirus, que levou a persoas con segunda residencia na localidade a inscribirse. Nalgún caso, foron as vantaxes para o uso do aparcadoiro durante o pasado verán o que motivou a decisión.
O mandatario local de Cedeira, Pablo Moreda, entende que a pandemia tivo moito que ver nas 138 altas: «Supoño que si, porque o índice de nacementos e defuncións seguiu igual que nos anos anteriores, incluso houbo algunha defunción máis e menos nacementos. Está claro que se recuperamos poboación foi por efecto da pandemia ou as vantaxes do teletraballo».
Cariño suma por primeira vez
O 21 de xaneiro cumpriranse 33 anos da segregación de Cariño. E desde que existe como concello é a primeira vez que gaña poboación, con 13 novos censados, ata 3.788. «Sen dúbida a situación do covid ten un peso importante, moitos cariñeses que estaban fóra empadroáronse de novo; e tamén houbo bastante adquisición de vivenda», subliña o alcalde, J. Miguel Alonso Pumar. «O importante -resalta- non é tanto a subida como ter freado un descenso dunhas 70 persoas ao ano».
Fonte: La Voz de Galicia
ENLACE A NOTICIA Valdoviño, Cabanas, Cedeira ou Cariño gañaron poboación pola pandemia