Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COVID-19

O Concello traballa nun plan de acción para fortalecer aos negocios locais fronte ás grandes superficies e novas formas de mercado

O Concello de Cedeira está a traballar na elaboración dun plan para dinamizar e mellorar da competitividade do comercio e da hostalería locais, uns sectores que sufriron un duro impacto pola pandemia da Covid-19.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, que esta semana xa tivo a oportunidade de comprobar o interese que a iniciativa está a despertar nunha reunión informal con profesionais do comercio e da hostalería da localidade, destacou que “se trata dun proxecto para buscar solucións que acheguen os pequenos e medianos establecementos ás novas formas de consumo que require a sociedade actual”. O proxecto presentarase publicamente cando o estado de alarma así o aconselle.

A venda en liña e o repartimento a domicilio son algúns dos obstáculos aos que se enfrontan os pequenos negocios á hora de competir coas grandes superficies ou mesmo coas novas formas de mercado, segundo apuntou o rexedor municipal, que considera necesario fortalecer “dous sectores que son claves dentro da economía local”.

O plan terá como punto de partida a análise da situación actual e desenvolverase en dúas fases. A primeira, que xa está en marcha e se prolongará ata final de ano, vai dirixida a facer o diagnóstico e trazar a estratexia, na que terían cabida unha eventual plataforma de venda común e a prestación de servizos en conxunto para unha determinada actividade. Enquisas aos profesionais, entrevistas a axentes chave, dúas mesas de traballo e un análise benchmarking para coñecer proxectos de éxito noutros territorios forman parte da metodoloxía que servirá para ter unha “fotografía” dos negocios aos que vai dirixida esta iniciativa pioneira en Cedeira.

A información recompilada dará lugar, na fase dúas, á elaboración do chamado plan de acción. Nel incluiranse desde accións xerais para a mellora da competitividade sectorial ata recomendacións específicas para sectores concretos, como pode ser o da alimentación. A formación e capacitación, a mellora da calidade e sustentabilidade comercial, a innovación e implantación de novas tecnoloxías no pequeno comercio e locais de hostalería, a detección de oportunidades de negocio e a promoción e dinamización comercial son, a priori, os ámbitos para os que se artellarán as medidas que contribuirán a dinamizar e a garantir un mellor futuro para o comercio de proximidade.

Cedeira destina 200.000 euros a axudas a empresas e urxencia

O Concello de Cedeira destina ao redor de 200.000 euros a unha liña de axudas directas a empresas e autónomos, e a reforzar a partida de urxencia social. O alcalde, o socialista Pablo Moreda, agradece «a moi boa disposición e as achegas» dos portavoces de PP, Luis Rubido, e BNG, María Xosé Rodríguez, con quen se reuniu onte para analizar os resultados da enquisa realizada entre o empresariado local a fin de coñecer as súas necesidades e promover axudas efectivas.
Das 88 respostas válidas, o 40 % son de autónomos; o 44 %, de firmas de entre dúas e cinco traballadores; o 9 %, de cinco a dez; e o 2 %, entre dez e 20. O Concello «intentará sacar canto antes as bases, xustas e efectivas», remarcou Moreda.

Fonte: La Voz de Galicia

IR Á LIGAZÓN Cedeira destina 200.000 euros a axudas a empresas e urxencia

Cedeira pode garantir a calidade da auga das praias segundo o informe de sanidade da Xunta de Galicia

O goberno municipal de Cedeira valora a clasificación sanitaria final da auga das praias para o 2020, que é de “excelente” no caso do areal de Arealonga e de “boa” no da Madalena, segundo o informe emitido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, entende que “se trata dunha calificación moi boa, aínda que seguiremos traballando para que a Madalena pase de boa a excelente”. Moreda Gil recorda que o informe recolle a media dos últimos catro anos.

O rexedor municipal considera que os resultados responden a unha serie de accións que se están a levar a cabo desde o ano 2015, entre as que destacou o feito de apostar e seguir apostanto por canalizacións separadas de pluviais e fecais na red de sumidoiros, pola posta en marcha do servizo de recollida de aceite usado e polas actuacións executadas para acabar cos puntos de verteduras localizados, entre outras. Tamén valorou a contribución tanto da Xunta de Galicia como da Asociación ARCE (Amigos dos Ríos de Cedeira) á conservación do medio ambiente.

Estas melloras terán continuidade este mesmo ano, segundo o alcalde, cun novo investimento de 300.000 euros para novas obras na rede de sumidoiros, “que era o maior problema de contaminación que había”, e por controlar e evitar posibles futuras verteduras.