Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CABO ORTEGAL XA É XEOPARQUE MUNDIAL DA UNESCO

 

Durante a 216º Sesión do Consello Executivo da UNESCO, celebrada na súa sede de París, e tras examinar os documentos e informes emitidos en decembro do 2022 polos auditores que visitaron o territorio o pasado verán, a comisión da UNESCO decidiu respaldar ao Xeoparque Cabo Ortegal e a outros 17 novos Xeoparques Mundiais.

É o único da Península Ibérica que obtén este distintivo nesta anualidade, uníndose así aos 15 xeoparques existentes no noso país.

A asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, formada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño recibe cunha gran satisfacción esta nova, resultado de anos de intenso traballo, agradecendo o traballo de todas as persoas que fixeron deste un proxecto ganador: entidades amigas, comité científico, asesores, empresas proveedoras, veciñas e veciños…

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda quere resaltar a maiores o gran traballo e compromiso que levou acabo María José Rodríguez con este proxecto, sendo durante 4 anos, no primeiro mandato, a concelleira de Cultura e Turismo.

O Xeoparque Cabo Ortegal pasa así a formar parte desta rede mundial xunto as outras 17 novas candidaturas aprobadas no día de hoxe en todo o mundo: Caçapava e Quarta Colônia en Brasil, Lavreotiki en Grecia, Ijen, Maros Pangkep, Merangin Jambi e Raja Ampat en Indonesia, Aras e Tabas en Irán, Hakusan Tedorigawa en Japón, Kinabalu en Malasia, Waitaki Whitestone en Nova Zelanda, Sunnhordland en Noruega, Bohol en Filipinas, Jeonbuk West Coast en Corea, Khorat en Tailandia, Mourne Guillion Strangford en Gran Bretaña e a ampliación do territorio do Xeoparque Kütralkura en Chile. Esta rede pasa polo tanto a estar composta por 195 espazos declarados como UNESCO Global Geopark, un selo ao mesmo nivel que o de Patrimonio da Humanidade. O Xeoparque Cabo Ortegal convertese así no segundo de Galicia, o primeiro da provincia da Coruña e o único da Península Ibérica que obtén este distintivo nesta anualidade.

Xeoparques Mundiais da Unesco

O concepto de xeoparque xurde a mediados dos anos 90, dando resposta á necesidade de conservar e poñer en valor zonas de especial importancia xeolóxica, sendo a paisaxe e as formacións xeolóxicas testemuñas da evolución do noso planeta.

Un xeoparque por definición debe cumplir unha serie de requisitos básicos. En primeiro lugar debe tratarse dun territorio unificado xeográficamente, con referentes xeolóxicos únicos e con certo atractivo visual e de contido para visitantes. Debe existir ademáis unha entidade con capacidade de xestión encargada de levar a cabo unha estratexia integral relacionada coa conservación dos recursos, a investigación, a educación, o turismo e o desenvolvemento económico e social. A estratexia marcada por este ente de xestión debe de estar en marcha incluso antes da solicitude, con actuacións de posta en valor da xeoloxía e medidas que garantan a máxima participación social, xa que os xeoparques deben estar construídos de abaixo arriba. Estes territorios deberán tamén contar con recursos económicos suficientes para o levar a cabo o plan de acción, que despois pode executarse coa colaboración de empresas e entidades do territorio.

A obtención deste distintivo da UNESCO posibilita e incentiva, polo tanto, a ampliación do coñecemento do territorio. Conforme o substrato xeolóxico vai mudando, tamén o fai a vida sobre él, adaptándose ás peculiaridades de cada zona, cunhas paisaxes determinadas que definen a nosa realidade social, económica e cultural. Os xeoparques exercen tamén como fio conductor dun turismo sostible e desestacionalizado, mesturando natureza con patrimonio, tradición, gastronomía…e por suposto, coa xeoloxía.

Temos exemplos no noso país de como a marca xeoparque repercute no territorio no que se atopa. A destacar por exemplo o caso do Geoparkea da Costa Vasca (composto polos municipios de Mutriku, Deba e Zumaia), o cal recibe cada ano unhas 150.000 visitas que descubren o territorio da man das empresas locais. Ademáis, o distintivo xeoparque facilita o acceso a fontes de financiación e axudas europeas, así como a xeración de oportunidades de negocio que contribúan a fixar poboación nas zonas rurais en risco de despoboamento.

Xeoparque Cabo Ortegal, pasado, presente e futuro

Tras anos de traballo colaborativo entre concellos e Deputación, no ano 2020 creóuse a Asociación para a xestión do Cabo Ortegal. Esta asociación, impulsada e conformada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, contou co firme impulso da Deputación da Coruña para fortalecer a candidatura. Así, grazas ao apoio da institución provincial, por medio da súa área de Turismo, poidéronse executar, mediante un convenio de colaboración, diferentes accións que resultaron imprescindibles para o éxito da candidatura, ao tempo que se intensificou o traballo de difusión e socialización dos recursos do territorio.

Desta forma, xa no ano 2021, reformulouse a candidatura sendo nesta ocasión admitida como “candidatable” recibindo, ademáis, a maior das puntuacións. Así, A Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco presentou oficialmente ante o Comité internacional de Xeoparques da UNESCO a candidatura do Proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal, para o cal houbo que presentar un amplo proxecto con 4 aspectos esenciais: 1. Patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, 2. Proxecto de xestión e desenvolvemento territorial, 3. Visibilidade e coñecemento do proxecto, 4. Traballo en rede con outros territorios.

O proxecto presentado foi avaliado no ano 2022 por dous auditores da Unesco (Chris WoodleyStewart, director científico do North Pennines UGGp do Reino Unido e César Goso, coordinador científico do Grutas del Palacio UGGp de Uruguai) que, a finais de agosto de 2022, tamén visitaron durante 5 días o territorio para facer unha avaliación final in situ.

Dos procesos de avaliación derivaron informes técnicos positivos que foron elevados á Comisión Internacional de Xeoparques da Unesco que, en decembro de 2022, propón, que na seguinte reunión do Consello Executivo da UNESCO, se recoñeza ao proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da UNESCO.

Agora, tras todo este camiño, o proxecto alcanza o seu momento culme, no que esta recomendación chega ao Consello Executivo da UNESCO, na súa 216º asamblea celebrada na sede de París esta mesma semana, que recoñece xa oficialmente ao Xeoparque Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da Unesco.

Porén, o distintivo non é permanente, senón que hai que traballar constantemente para mantelo. Cada catro anos é preciso pasar de novo por unha auditoría similar, se cabe incluso máis exhaustiva, a do nomeamento, na que comproban sobre o terreo que se están cumprindo os obxectivos de desenvolvemento, de conservación, educativos, científicos, de dinamización territorial, de comunicación, etc., e que efectivamente se están a obter resultados.

Cada xeoparque ten un discurso propio e diferenciado dos demais, centrado nunha etapa concreta da formación do noso planeta, constituíndo así no seu conxunto un relato que nos mostra como se configurou a Terra durante millóns de anos. É por isto que os xeoparques traballan en rede, mantendo relación constantes a través de foros especializados e eventos nos que se intercambian experiencias e boas prácticas.

No caso do Xeoparque Cabo Ortegal, a súa riqueza a nivel xeolóxico é indiscutible, destacando que este territorio alberga rochas en superficie de máis de 490 milóns de anos, e materiais que habitualmente se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade, algo excepcional e que dase en moi poucos lugares do noso planeta. Ademáis conta cun dos maiores e mellores afloramentos mundiais de ecloxitas, rochas producidas a grandes presións. Estas son algunhas das razóns que fan do territorio do Xeoparque do Cabo Ortegal unha auténtica viaxe ao interior da Terra.

Actualmente estase a traballar en paralelo en diferentes proxectos, destacando a posta en marcha das actuacións incluídas no Plan de Sostenibilidad Turística en Destinos, por un importe total de 1,5 millóns de euros. Estas actuacións enfócanse no deseño e posta en marcha dun produto turístico especializado, baseado no xeoturismo como fio conductor desta estratexia, composta por catro eixos prioritarios: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Todas elas está previsto que se leven a cabo nos vindeiros 2 anos.

Outra das accións inmediatas que se levarán a cabo dende a asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal será o proceso de selección dun equipo técnico propio, encargado de coordinar e definir a estratexia dos vindeiros anos, garantindo así a estabilidade do xeoparque e a consecución dos obxetivos marcados.

Declaracións

Así, os compoñentes da asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, resaltan a importancia de ter alcanzado este fito: “É unha gran oportunidade para o desenvolvemento socioeconómico dos 7 concellos, porque un Xeoparque, sobre calquera outra cousa, é un proxecto de desenvolvemento territorial. Supón algo máis que un impulso ao turismo, contribuíndo a xerar oportunidades no sector primario, mediante un aproveitamento sostible do territorio, e tamén para estimular ao sector secundario. Sen dúbida é unha oportunidade para reforzar e potenciar o traballo en rede que se leva facendo todos estes anos, apostando por un crecemento conxunto e harmónico de todo o territorio.”

Pola súa parte, recibimos mensaxes de apoio de ambos os auditores que estiveron no territorio o pasado verán.

César Goso: “A los gallegos del GMU Cabo Ortegal, pobladores de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño y Valdoviño, muchas felicitaciones por este reconocimiento de UNESCO, que celebra vuestro patrimonio natural y cultural, y mi especial agradecimiento por lo que pude aprender allí, y a la oportunidad de reconocer en vosotros el don de gente, que como el de otros muchos gallegos contribuyeron a forjar el país donde vivo. Reciban un cálido saludo desde Uruguay y en particular del GMU Grutas del Palacio. Ojalá podamos interactuar a través de algún proyecto o actividad en el futuro, para conocer más y acercar quizás a parientes y amigos de ambos lados del océano.

Chris Woodley-Stewart: “Si nuestra tarea hubiera tratado simplemente de una evaluación del carácter, la singularidad y la pura belleza de un lugar, la conclusión habría sido fácil. Pero se trata de llegar al corazón de un sitio de forma muy rápida y comprender cómo podría funcionar como un Geoparque. Encontramos aquí un patrimonio natural y cultural excepcional que la comunidad protege, valora y comparte libremente. La gente entiende que su naturaleza y cultura son los principales bienes a largo plazo para la economía local y, además, sirve de sustento para su forma de vida en gran medida.

Debemos felicitar a todos los involucrados por su trabajo en la educación y la conservación, y en ayudar a las personas a disfrutar y comprender la geología, el paisaje y la cultura de este sitio. Sé que la gente apasionada detrás de un lugar que apasiona se asegurará de que Cabo Ortegal se convierta en un excelente Geoparque Mundial de la UNESCO y que esta designación supondrá un beneficio real para la zona”.