Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ÉXITOS DO DEPORTE CEDEIRÉS NA RECTA FINAL DA TEMPADA

Os deportistas de Cedeira despuntan en todas as disciplinas neste final de tempada. Se hai pouco falabamos dos éxitos acadados polo Natación Cedeira e o Club de Remo, cómpre subliñar tamén o traballo dos equipos locais de bádminton, pádel, fútbol ou baloncesto.

Así, as escolas de bádminton de Cedeira ten campións provinciais e clasificados para o campionato galego; o equipo feminino A de pádel é campión da terceira categoría e vai xogar a promoción de ascenso a segunda división nos vindeiros fines de semana e o equipo de veteráns de fútbol vén de proclamarse campión de liga en primeira e xogará a próxima tempada en división de honor, a máxima categoría.

Ademais, esta fin de semana celebraranse en Cedeira as semifinais e final da copa de baloncesto na categoría cadete, coa participación do equipo local, e tamén o club de fútbol feminino Discalzas vai xogar unha eliminatoria a doble partido, na localidade, para salvar a súa permanencia en segunda categoría.

Cómpre tamén felicitar á remeira Candela Martínez, que foi cuarta na final b do campionato europeo en categoría sub19 e recordar que para o vindeiro 10 de xuño Cedeira vai acoller o campionato galego de categorías inferiores de duatlón, con representación cedeiresa en todas elas.