Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A BANDA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA OFRECERÁ HOXE O PREGÓN DAS FESTAS NA PRAZA DO CONCELLO

O público encheu onte as cadeiras e seguiu de pé o concerto do festival Jazz de Ría en Cedeira, nunha noite musical a cargo de David Regueiro Trío+Alexandre Cavaliere na que se creou un ambiente espectacular. Foi un comezo por todo o alto para o programa das festas de verán, que hoxe venres terán o seu pregón a cargo da Banda de Música. Un ano máis, o Concello confiou a unha entidade local o pistoletazo de saída do programa, desta volta a unha formación que é todo un emblema da profunda tradición musical que existe na localidade.

Ás 20.00 horas, na praza do Concello tomarán a palabra Sofía García, que ademais de intérprete é a presidenta da Banda de Música Vila de Cedeira, e outros tres compoñentes do grupo. O “cuarteto” ofrecerá un pregón no que falarán da súa formación como un espello do que é tamén Cedeira: un espazo no que crecer, no que se encontrar, ao que regresar…

Tras a lectura do pregón, ás 20.30 horas, lanzarase o “chupinazo” que marca o oficial inicio das festas e a Banda de Gaitas de Buxainas fará un pasarrúas saíndo da praza do Concello e percorrendo a avenida da Mariña e a rúa Ponte Nova para chegar á Praza Roxa.

Porén, o programa de hoxe comezará antes, coa Carreira Popular. É unha proba non competitiva e aberta a todas as idades, cun percorrido polas rúas do centro da localidade. A saída tomarase ás 18.30 horas desde a Praza Roxa e desde as 17.30 estará aberta a inscrición, de balde, na sala Áncora. A teor do que tradicionalmente sucedeu outros anos nesta proba, un clásico no programa de festas de Cedeira, parte das persoas participantes irán disfrazadas para darlle un toque de humor á carreira.

A xornada rematará co Entroido de Verán, a partir das 22.00 horas na Praza Roxa. O evento, que adoita ter moito éxito, estará amenizado por Disco Móbil e incluirá unha festa da escuma.

De mañá sábado ao luns

Mañá sábado será de novo unha xornada con deporte e troula na vila de Cedeira. Ás 12.30 h haberá un pasarrúas con AC Espadana e Gaiteiros e danzas con cabezudos. Ás 17.00 h terá lugar a Travesía a Nado de Cedeira, unha proba que chega este ano á súa vixésimo cuarta edición. A praza do Floreal acollerá a partir das 20.00 horas o espectáculo de circo “Só”, con Xampatito Pato, que está dirixido ao público familiar. Para rematar a xornada, a Praza Roxa acollerá a partir das 22.30 h o primeiro concerto do Certame de Grupos Locais. Catro Cores, P-Rayada e Ardecasas actuarán na primeira das dúas noites consecutivas adicadas a amosar a calidade e variedade das formacións musicais de Cedeira.

O programa do domingo, día 14, comezará cun pasarrúas ás 13.30 h e posterior concerto na Praza Roxa a cargo da Banda de Gaitas de Narón. O Paseo da Mariña e a praia da Madalena acollerán, a partir das 17.30 horas, os Xogos Populares, con carreiras de sacos, cucaña, carreiras de ovos, tirada de corda e regata de chalanas. Para participar nesta cita xa clásica nas festas de verán hai que ter 15 anos cumpridos e as persoas menores de idade deberán presentar unha autorización por escrito da nai, pai ou tutor legal –segundo o modelo colgado na web do Concello-. A inscrición, de balde, realizarase no mesmo lugar desde unha hora antes do comezo das probas.

Tamén o domingo pola tarde noite haberá ambientación musical. Un pasarrúas da Fanfarria Furruxa, a partir das 20.30 h, será o limiar da segunda cita do Certame de Grupos Locais. La Banda del Muelle, los Eternos e Os Benignos sucederanse no escenario.

O festivo do luns será outro día intenso nas festas de Cedeira. Ás doce do mediodía celebrarase a misa e posterior procesión polas rúas do casco urbano, acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. Ás 20.00 horas na Praza Roxa chegará a quenda dunha nota cita para o público pequeno. A compañía Kanbahiota Troup ofrecerá o espectáculo “Volando…vengo”, con acrobacias e moito humor. O artista de San André de Teixido O Chylava ofrecerá un concerto a partir das 22.15 h na Praza Roxa, ao que seguirá unha sesión de fogos artificiais. Para rematar a noite, o grupo Claxxon tocará grandes grandes temas do pop e o rock a partir das 00.30 h.

O Concello de Cedeira está a informar puntualmente a través das súas redes sociais e do seu canle de mensaxería “Cedeira Informa” sobre o horario de lanzamento de foguetes, para advertir as persoas con alta sensibilidade acústica. Tal como se informou recementemente, durante as festas, que se prolongarán ata o 17, se está a respectar o horario inclusivo de seis a oito da tarde, tempo no que se apaga o son de atraccións e postos de venda.