Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OS PLENOS DE CEDEIRA E CERDIDO VOTARÁN UNHA MOCIÓN DE REXEITAMENTO Á REDUCIÓN DE PROFESORADO NO IES

Os alcaldes de Cedeira e de Cerdido, Pablo Diego Moreda e Benigno Galego, xunto coa portavoz do BNG en Cedeira, María Xosé Rodríguez, están a preparar conxuntamente unha moción de apoio ao equipo directivo do IES Punta Candieira e de rexeitamento ao drástico recorte de profesorado que prevé realizar a Consellería de Educación no centro. A moción será levada ao pleno de setembro en ambos os dous concellos para apelar ao apoio de todos os grupos políticos.

O equipo directivo do IES Punta Candieira presentou a súa dimisión en bloque recentemente como resposta á drástica redución de plantilla de profesorado. Concretamente, a Consellería de Educación planificou o vindeiro curso con 11 postos docentes menos.

Na moción que preparan en Cedeira e Cerdido, os principais concellos afectados, sublíñase que a supresión de profesorado pon en perigo un ciclo formativo e o bacharelato de adultos; diminuirá o horario de profesores de garda, fundamental para atender ao alumnado en caso de ausencias ocasionais do profesorado; impedirá ofertar optativas que en moitos casos son decisivas para que os alumnos e alumnas poidan acceder ás universidades e contribuirá a aumentar a diferencia de oportunidades educativas entre os e as estudantes do rural e as persoas que viven nas cidades.

O IES Punta Candieira vén dando mostras do seu dinamismo e da calidade do seu ensino nos últimos anos, participando en difersos proxectos e concursos e acadando premios e excelentes resultados. É evidente, como vai resaltar a moción, que unha perda tan grande de persoal docente vai supoñer un problema enorme na calidade do ensino.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda, incidiu tamén en que “a Xunta está a potenciar o ensino privado e a centralizar cada vez máis os recursos educativos nas cidades, de maneira que aos concellos pequenos cústanos manter poboación e atraer empresas para potenciar a oferta de ciclos formativos e, en definitiva, as alternativas de futuro para a xente nova”.