Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UN PARQUE DE CALISTENIA E UN CICLO DE AUTOCINE, PROXECTOS ELIXIDOS NOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

O parque de calistenia e un programa de autocine serán os dous proxectos que se fagan realidade en Cedeira con cargo aos primeiro presupostos participativos do Concello, segundo a decisión que tomou o pasado martes en asemblea o alumnado de 4º de ESO do IES Punta Candieira, protagonista do proceso que se abriu o pasado mes de novembro. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que están reservados 20.000€ no orzamento municipal deste ano 2021 para executar os proxectos elixidos finalmente e felicitou aos mozos e mozas que participaron nesta experiencia “polo entusiasmo, interese e madurez demostrada ao longo do proceso, no que coñeceron o traballo da administración municipal, a organización das áreas de xestión, os órganos de goberno, e asumiron un papel activo e directo sobre a decisión do destino de recursos públicos”.

O sistema de votación foi por puntos, tendo un total de 3 puntos a repartir entre as 11 propostas viables que se presentaban na asemblea. Participou un total de 66 alumnos e alumnas de forma presencial, dende as súas aulas, sen ter que recorrer ao voto por e-correo, por non darse faltas de asistencia no día de hoxe. Os puntos a repartir en total eran 198 e o montante global sobre o que se decidía chegaba a 152.500 €.

Durante a exposición das iniciativas que entraron na votación, destacáronse aspectos ligados ao fomento da vida saudable (calistenia, bike park, rutas), valorización das artes escénicas (festival de arte galega, local de ensaio), da memoria colectiva e o patrimonio (miradoiro, sendas polo río) ou cuestións solidarias, como a vivenda para as persoas sen fogar ou o programa de acompañamento social de maiores. Tamén estivo presente carácter de aforro á hora de realizar deporte en espazos públicos, ou a situación da pandemia, para poder programar un auto-cine ao aire libre, compatible con vehículos particulares e con cadeiras para aquelas persoas que se despracen a pé ou non dispoñan de coche particular.

Logo de realizar unha defensa dende cada unha das aulas, e de cada unha das propostas, o resultado da votación foi o seguinte:

As iniciativas que tiveron un maior apoio foron as de Calistenia (43 puntos), Autocine (31 puntos), Karts (26 puntos), Local de Ensaio Musical (20 puntos) e Bike Park (con 19 puntos). As que se poderán executar son as dúas primeiras (Calistenia e Auto-cine), que suman un montante de 12.500 €, pois coa terceira proposta xa excedería dos 20.000 €.

Para completar o orzamento, dos 12.500 € ate os 20.000 € comprometidos, deuse un debate e posterior votación, ante dúas alternativas posibles, a opción A de facer varias sesións de Autocine ate completar a contía dispoñible ou ben, na opción B, incluír a seguinte proposta que, por orzamento de gasto, puidese ser executada, que podería ser a instalación dun parque canino, orzamentada en 7.000 €. Esta iniciativa non prosperou, dado que non contaba xa, na propia asemblea, con moitos apoios. O alumnado decantouse, finalmente, por incrementar o número de sesións de cine, quedando aprobadas as dúas primeiras propostas.

O persoal técnico municipal, que foi quen informou dos custes e normativas aplicables das propostas antes da asemblea, comezará agora a perfilar as propostas aprobadas en colaboración co alumnado do centro educativo. Así, determinarase o emprazamento exacto para a adquisición do parque de barras, o tipo de instalación, ou a programación de cine, lugares apropiados, tipo de películas e temáticas, accións complementarias, etc.

O alumnado, ao finalizar a asemblea, amosou unha gran motivación sobre esta nova fase de deseño das programacións e manifestou que o proceso lle serviu para tomar conciencia das dificultades de decidir sobre aspectos de interese xeral para a cidadanía.

O seguinte paso será o de preparar a intervención na sesión do Pleno Municipal, na que o alumnado presentará o proceso que iniciaba no mes de novembro, con debates nas aulas e un traballo de investigación social sobre as necesidades do territorio, buscando información sobre as iniciativas formuladas. Esta sesión extraordinaria terá lugar durante este mes de marzo.