Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO SACA A CONCURSO A REHABILITACIÓN ESTRUTURAL E DO PAVIMENTO DO ANEL DA PRAZA ROXA

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación da obra de “Rehabilitación estrutural e do pavimento do anel vermello da Praza Roxa”, cun presuposto de 112.249,99€ (IVE incluído). Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, as empresas teñen de prazo ata o día 30 de marzo para presentar as súas ofertas a este concurso, incluído no capítulo de investimentos -dotado con máis de 1,1 millón de euros- dos orzamentos municipais de 2021 que o pleno municipal aprobou a finais de febreiro.

A obra que se vai realizar “vai dirixida a mellorar as condicións dun espazo central de convivencia para a cidadanía cedeiresa”, recordou o alcalde. A intervención consistirá en levantar o pavimento actual, que presenta numerosas fendas e está desgastado e deformado en moitos puntos pola acción das raíces das árbores, e habilitar outro máis resistente e coa adherencia necesaria para o intenso uso que ten esta zona.

Así, segundo consta no prego técnico do proxecto, os traballos incluirán, tras o levantamento do pavimento actual, a poda das raíces e a colocación dunha malla que evite no futuro que estas levanten e deformen a superficie. Enriba desta malla irá unha capa de zahorra e sobre ela un aglomerado asfáltico. A superficie da praza, de 1.500 metros cadrados, levará un acabado de resina epoxy, usado frecuentemente para polideportivos ao aire libre pola súa adherencia e resistencia. No proxecto contémplase tamén a pintura de frases, símbolos ou poemas sobre a superficie para darlle unha estética máis atractiva ao conxunto.

O proxecto está incluído no programa de actuacións financiadas co apoio do POS+2021 da Deputación da Coruña. O prazo de execución é de dous meses.