Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ADXUDICADO O CONTRATO PARA A SUMINISTRACIÓN DE 921 NOVAS LÁMPADAS LEDS PARA A ZONA RURAL

O Concello de Cedeira adxudicou á empresa Instalaciones Especiales Malagueñas o contrato de “Suministro de lámpadas led nos lugares de Fragoso, Veciñeira, San Miguel e outros” por un presuposto de 39.796,63€ (IVE incluído). Segundo recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a licitación quedara deserta no pasado outubro, pero o goberno local volveuna a publicar e presentáronse desta volta seis ofertas. “Seguimos adiante co plan para renovar a rede pública de iluminación, co obxectivo de facela máis eficiente e menos contaminante, e este é un contrato importante nese camiño”, subliñou o alcalde.

O contrato supón o suministro de 921 lámpadas de tecnoloxía led que sustituirán ás actuais, de vapor de sodio, en diferentes puntos da zona rural de Cedeira. O investimento realízase con cargo ao programa POS+2020 da Deputación da Coruña e a empresa adxuditaria unicamente ten que suministrar os equipos, que logo serán instalados por persoal municipal. O contrato supón unha importante baixa con respecto ao prezo de saída, que era de 65.872,78€.

As novas lámpadas led repartiranse polas parroquias de San Román (117 unidades), Esteiro (230), Piñeiro (140), Régoa (129), Cervo (151), Cedeira (66) e Montoxo de San Xiao (88). A incorporación desta tecnoloxía permite empregar moita menos potencia para obter a mesma intensidade de luz, de maneira que o Concello garante unha iluminación acaída, con lámpadas que non teñen mercurio, menos contaminantes e moito máis baratas, porque se reduce a factura do consumo e tamén a do seu mantemento.