Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PUBLICA DE NOVO A LICITACIÓN PARA A SUBMINISTRACIÓN DE 921 LEDS PARA A ZONA RURAL

O Concello de Cedeira publicou onte de novo na Plataforma de Contratación do Sector Público o prego de licitación para a compra de 921 lámpadas de tecnoloxía led cuxo destino é mellorar o alumamento público en diferentes zonas rurais do municipio. Trátase, segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, do proxecto de subministro de leds para Fragoso e outros lugares das sete parroquias que o goberno local xa sacara a licitación e que quedou deserto no pasado outubro, polo que se inicia de novo o procedemento, co convencemento de que desta volta presentaranse ofertas que cumplan as condicións esixidas.

É unha das actuacións máis importantes deste ano en Cedeira no que atinxe á mellora do alumamento público, capítulo ao que o goberno municipal está a adicar un esforzo continuado. O proxecto de “Subministro de lámpadas led nos lugares de Fragoso, Veciñeira, San Miguel e outros” conta con financiación do programa POS+2020 da Deputación da Coruña e contempla a compra de 921 bombillas que se van repartir polas parroquias de San Román (117 unidades), Esteiro (230), Piñeiro (140), Régoa (129), Cervo (151), Cedeira (66) e Montoxo, de San Xiao, (88).

O presuposto de saída é de 65.872,78€ (IVE incluído) e a empresa adxudicataria terá unicamente que subministrar os equipos, xa que será o persoal municipal quen se ocupe da súa instalación, substituíndo as vellas lámpadas de vapor de sodio. O procedemento de contratación segue o modelo aberto simplificado e as empresas interesadas teñen ata o día 24 deste mes de decembro para presentar as súas ofertas.

A incorporación da tecnoloxía led á iluminación pública permite axustar a potencia para obter mellor rendemento. O Concello pode garantir con ela unha iluminación máis acaída, con lámpadas sen mercurio, menos contaminantes e máis baratas porque a factura do seu consumo redúcese practicamente á metade, duran moito máis e teñen un baixo mantemento.