O CONCELLO INSTALA 24 NOVOS SOPORTES FIXOS PARA OS COLECTORES DE LIXO NA ZONA RURAL
O Concello de Cedeira acaba de rematar as obras de instalación dun total de 24 soportes metálicos para os contedores de recollida de lixo na zona rural do municipio, cun investimento de 17.870,49€ (IVE incluído) que abrangue tanto a preparación dunha base de formigón como a colocación da estrutura metálica para garantir o axeitado ancoraxe dos colectores. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que esta actuación, na liña doutras que anteriormente xa levou a cabo o goberno local en diferentes puntos de recollida do municipio. “É unha intervención importante para que os colectores non se movan ou se envorquen os resíduos cando vai moito vento”, comentou.
O Concello contratoulle á empresa Prieto Mouriz o suministro dos soportes e tamén a súa instalación, xa que esta empresa presentou a oferta máis ventaxosa entre as que se solicitaron.
Os 24 puntos nos que se fixo a instalación están repartidos por tres parroquias da zona rural, a de San Román, a de San Antonio de Curbeiro e a de Montoxo. Cos novos elementos de contención, o Concello mellora o mantemento dos colectores e prevén tanto desperfectos como os riscos para a seguridade vial que pode representar o feito de que tomben ou se movan cos temporais.
O Concello fai este investimento con cargo ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental que xestionou para o presente ano 2020.