Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PRESENTOU A SÚA PRIMEIRA GUÍA DE COMUNICACIÓN NON SEXISTA

O Concello de Cedeira presentou esta semana a primeira Guía de Comunicación Non Sexista, unha acción enmarcada no Plan de Igualdade que a corporación aprobou a finais do pasado ano e que describía preto de medio cento de accións a prol dunha equidade de xénero real e efectiva. A concelleira Carmela Prieto explicou no acto, que se desenvolveu no Auditorio Municipal, que esta é unha ferramenta “dirixida a mellorar a comunicación tanto da propia administración como das entidades e de toda a veciñanza”, porque “non hai maneira de invisibilizar máis que a de non nomear a unha parte da sociedade que somos as mulleres”.

A Guía de Comunicación Non Sexista está editada coa forma dunha baralla, cun “tip” sobre linguaxe inclusiva en cada carta. Foi elaborada para aprender, de forma lúdica, pautas e suxestións para procurar o equilibrio na linguaxe.

O I Plan de Igualdade do Concello de Cedeira ten executado xa moitas das accións previstas, parte delas de formación do persoal da administración local e outras que, de xeito transversal, implican ao tecido asociativo, á mocidade e outros colectivos da localidade. Entre elas está a creación do Punto Lila na Biblioteca Municipal, un espazo que foi inaugurado o pasado 8M e que reúne lecturas relacionadas co feminismo.

Recentemente púxose en marcha un programa de formación para as persoas voluntarias que van colaborar na posta en marcha dun Punto Violenta, un posto de información e concienciación sobre a violencia sexual que se instalará en festas e eventos multitudinarios. Carmela Prieto aproveitou a presentación da Guía de Comunicación Non Sexista para agrader a participación das personas que acudiron a este curso.