O PLENO APROBOU POR UNANIMIDADE A PROPOSTA DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DO ALUMNADO DO IES
O pleno da corporación de Cedeira aprobou antonte por unanimidade, en sesión extraordinaria, a proposta de orzamentos participativos que presentou o alumnado de 3º do IES Punta Candieira, representado na sesión por Martín Gutiérrez Couto.
O rapaz, que acudiu á sesión plenaria xunto con outros once compañeiros e compañeiras, defendeu a iniciativa elixida no proceso, a mellora da iluminación e a pintura da cancha de xogo do Floreal, e tamén argumentou a demanda de que o Concello asuma cando menos en parte o segundo proxecto máis votado, o denominado “Por unha praia divertida”. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, acolleu positivamente a proposta e asegurou que o goberno local estudiará a posibilidade de poñer en marcha tamén ditas actividades no areal durante este verán.
O proxecto de mellorar a iluminación e a pintura da cancha de xogo do Floreal recibiu 28 votos na asemblea que celebrou o alumnado dos catro grupo de ESO no instituto, mentres que o segundo más votado, o desenvolvemento de xogos, obradoiros, ioga e outras actividades na praia da Madalena, recibiu 26. O primeiro deles case chega a esgotar os 20.000€ dos orzamentos participativos, porén o representante dos estudantes, Martín Gutiérrez, argumentou que se trata dunha obra de mantemento e mellora das instalacións municipais e que parte dela, concretamente a da iluminación, ía igualmente ser asumida polo Concello.
O grupo de 12 rapaces e rapazas que foron designados para representar a todo o alumnado de 3º de ESO no Concello foi recibido polo alcalde e concelleiros momentos antes do comezo da sesión extraordinaria. A unanimidade da corporación corroborou o éxito do proceso, que ten lugar por segundo ano consecutivo en Cedeira e que, tal como comprometeu o pasado ano o goberno local, vai continuar para servir como escola e experiencia de democracia á xuventude da vila.