Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA DÓTASE DO SEU PRIMEIRO PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES

O Concello de Cedeira conta xa co seu I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, un documento que o pleno da corporación aprobou por unanimidade e que o goberno local presentou cualificándoo como “un dos logros máis importantes deste mandato”. A concelleira Carmela Prieto explicou que esta “é unha ferramenta coa que avanzar nos vindeiros anos cara a unha equidade de xénero real e efectiva”.

A concelleira Carmela Prieto agradeceu a colaboración de todas as persoas implicadas na elaboración do Plan de Igualdade. Tanto na fase de diagnóstico como na definición de propostas, o traballo foi aberto e participativo. Creáronse mesas de traballo con persoal do propio Concello, con representantes políticos, co tecido asociativo, coa comunidade educativa e tamén con veciñas que quixeron colaborar e participar. “Deste proceso resultou un programa de acción que debuxa a situación na que estamos e marca estratexias e obxectivos, unha completa folla de ruta para avanzar de aquí ao ano 2024”, explicou a concelleira.

Así, o Plan de Igualdade de Cedeira identifica un total de 49 accións en seis eidos diferentes: a propia administración municipal; a educación e a mocidade; o emprego e a formación; o benestar social, a conciliación e a corresponsabilidade; a participación social, a cultura e os deportes; e a prevención e atención integral da violencia machista. Entre ditas accións, por exemplo, encóntranse o desenvolvemento de campañas para a posta en valor das mulleres traballadoras, a revisión das taxas municipais desde un enfoque de xénero, a posta en marcha dunha escola de familias para promover a coeducación ou a creación dun Punto Violeta no ocio nocturno e nas festas. Unha destas propostas xa está feita: o curso de formación para o persoal municipal.

Para traballar no Plan de Igualdade, crearase unha comisión permanente, que celebrará reunións como mínimo cada seis meses. Nela participan concelleiros e concelleiras da corporación, o comité de empresa e técnicos/as das diferentes áreas de xestión do Concello, para garantir que os avances se aplican de maneira transversal e chegan a todos os eidos de actividade.

Carmela Prieto expresou a satisfacción de todo o goberno municipal pola elaboración e posta en marcha do plan, culminación dunha política xa iniciada no anterior mandato e dirixida a contribuír, no que está na man da administración local, a reducir a desigualdade entre xéneros en todos os ámbitos e loitar contra as violencias machistas.