Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CLUB DE REMO VIVE UN MOMENTO DOCE POLOS BOS RESULTADOS COLLEITADOS POLOS SEUS DEPORTISTAS

O Club de Remo Cedeira está a vivir un momento doce polos destacados éxitos que está a colleitar en competicións nacionais e internacionais e polo seu prometedor comezo de tempada, con deportistas que sen dúbida poderán destacar nos campionatos da vindeira primaveira e o verán. A entidade ten unha remeira, Raquel Rodríguez, estudando cunha beca nunha universidade de California e outra, Candela Martínez, que acaba de obter un título nacional de remoergómetro, posicionada para entrar na selección nacional de remo en pista. Son so dous nomes do excelente equipo deste club, un dos de maior traxectoria na vila e que máis ten contribuído, por tanto, a consolidar a fonda tradición deportiva de Cedeira.

O presidente do club, José María Hermida, enumera os éxitos máis recentes no que vai deste ano 2023: medalla de ouro no Campionato de España de longa distancia na categoría xuvenil feminina; ouros nas competicións nacionais de remoergómetro nas categorías veterá e infantil masculinas; bronce no nacional de remoergómetro alevín feminino; prata e bronce no campionato de España absoluto feminino; bronce nos nacionais xuvenís masculino e feminino; e medallas de ouro e de prata por autonomías no campionato de España absoluto masculino. Súmanse estes logros aos do ano anterior, no que as remeiras do clube tamén colleitaron bos resultados en campinatos do Mundo e de Europa. Ocupan por tanto os remeiros e remeiras de Cedeira unha prometedora posición cara ás competicións a nivel nacional e internacional que se convocarán no que resta deste ano.

A historia da entidade remóntase a 1960. Naceu da man da Confraría de Pescadores de Cedeira e xa desde os seus primeiros anos combinou o banco móvil e o fixo. Hermida recorda que nos anos 70 a vida do club cobrou novos folgos co impulso de Juan Antonio Rodríguez. Daquela despuntou a remeira María Brocos, que abriu camiño á entidade nas competicións internacionais e á presencia de Cedeira na selección nacional. Foi tamén importante na historia do clube o ano 2016, cando o club se estreou con traíña propia na liga galega, na que se mantivo de maneira ininterrompida ata a tempada 2022.

Desde o goberno local destacan o esforzo do club e os logros que ten acadado, ao tempo que subliñan a importancia de que manteña en Cedeira a tradición do remo, tan vencellada á cultura mariñeira da localidade.