Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O NATACIÓN CEDEIRA ESTRÉASE NUN CAMPIONATO INTERNACIONAL COA PARTICIPACIÓN DE CINCO DEPORTISTAS

O Club Natación Cedeira está a protagonizar un arranque de ano extraordinario, cos seus deportistas despuntando en natación, atletismo e triatlón. Desde o Concello quérese felicitar á entidade polos éxitos acadados e salientar que en poucos días a entidade vai a participar por primeira vez nunha competición internacional, na Copa de Europa de triatlón junior que se vai disputar o vindeiro domingo en Melilla.

O director do club, Xan Suárez Vilela, destaca non so que Cedeira vaia estar por primeira vez nun campionato internacional, senón que chega alí con cinco deportistas. Damián Suárez, Samuel Sánchez, Lucas Riola, Juan Piñón e Irea Alén van participar na competición europea, un fito que Xan Suárez considera importante non tanto polos resultados que poidan acadar senón como experiencia e para abrirse portas cara a competicións de maior nivel.

Un repaso aos éxitos deste comezo de ano corrobora o paso firme co que o Club Natación Cedeira está a avanzar competindo con tres federacións e competicións diferentes. Falando de natación, Andrea Freire foi subcampioa e Irene García levou o bronce no recente campionato galego na categoría alevín.

Na mesma cita Teo Sanesteban conseguiu tres ouros e unha prata, convertíndose no mellor deportista da cita. Cómpre destacar o potencial deste nadador, que entrou no chamado Grupo Especial de Seguimento da Federación Galega, no que é chamado de tempo en tempo para facer adestramentos e concentracións.

Tamén no eido do atletismo logrou éxitos destacables o Natación Cedeira. Irea Alén foi a subcampioa galega no campeonato galego de campo a través sub18 e, máis recentemente, Irene García e Manuel Sande foron tamén subcampioes na competición alevín. No triatlón, a participación de cinco deportistas de Cedeira no próximo europeo xuvenil é resultado do seu éxito no campionato de España que se celebrou en outubro pasado. Xa en decembro, preto do remate de 2022, o club conseguiu a mellor clasificación por equipos no campionato Nada+Corre, un éxito máis que corrobora a boa canteira e o futuro que ten o Natación Cedeira. O pasado ano, ademais, foi o único club que levou catro outros e un bronce en campionatos de España de Triatlón e Acuatlón.

A entidade conta na actualidade con 120 deportistas federados a partir de catro anos. Adestran na piscina, no pavillón do IES Punta Candieira, no local que ten o club preto do campo de fútbol e tamén no exterior, moitas veces polos viais pouco transitados do polígono de A Trabe. Xan Suárez subliña a importancia que ten conseguir a piscina de 25 metros, unha demanda que o goberno local presentou ao pleno da corporación para reforzala coa unanimidade das forzas políticas. Precisamente a intensa actividade do Club Natación Cedeira e os seus éxitos é un dos argumentos do goberno local para reclamar á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña a súa implicación na financiación da nova piscina.