Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADXUDICOU A RENOVACIÓN DA ILUMINACIÓN PÚBLICA EN TODA A AVENIDA AREA E PARTE DE CASTELAO

O Concello de Cedeira vén de adxudicar a obra de renovación do alumeado público nas avenidas Area e Castelao por un importe de 84.095€ (IVE incluído). O proxecto ten un prazo de execución dun mes e consiste en cambiar o vello sistema con lámpadas de vapor de socio polo novo, máis eficiente, tipo LED. En total van renovarse 35 luminarias, dúas delas na avenida Castelao e o resto na Area. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, subliñou o esforzo realizado nos últimos anos na eficiencia da rede de iluminación, co que “actualmente Cedeira ten o 99,99% do seu alumeado público con tecnoloxía LED”.

Segundo destaca o alcalde, Pablo Diego Moreda, “ter mellor iluminada este vial, no que hai moito comercio e actividade, vai redundar en que teña máis afluencia, en maior seguridade para o tráfico e para os peóns, ademais de reducir o consumo eléctrico”. O contrato inclue a colocación dos novos farois sobre columnas de oito metros de alto, as canalizacións subterráneas, a posta a terra e as arquetas de paso, así como a retirada das luminarias actuais. É unha obra que o Concello de Cedeira afronta con financiación da segunda fase do POS+Adicional 2022. As novas bombillas LED garanten un fluxo de luz acaído para as necesidades de cada zona, beirarrúa ou calzada ao tempo que permiten un grande aforro económico. Precisan menos da metade da potencia eléctrica que as lámpadas tradicionais, de vapor de sodio, para producir a mesma iluminación.

Con esta nova actuación, o alcalde reiterou o compromiso do Concello coa mellora da eficiencia enerxética e apuntou que os proxectos que xa se teñen levado a cabo neste eido permitiron que a suba do prezo da electricidade, especialmente durante o pasado ano, non impactase nas contas municipais.

No ano 2020 o Concello procedera a renovar o resto da iluminación da Avenida Castelao, cun investimento de máis de 47.000€ para o cambio de 97 puntos de luz. Agora, este novo proxecto permitirá rematar a modernización desta vía, coa substitución das dúas únicas farolas antigas que quedaban, na rotonda da que parte a avenida da Area. Nesta última vía instalanse os 33 restantes LEDs desta actuación.