Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Leandro Lamas ateiga de luz e cor a ponte nova na loita do Concello contra o feísmo urbano

LEANDRO LAMAS ATEIGA DE LUZ E COR A PONTE NOVA NA LOITA DO CONCELLO CONTRA O FEÍSMO URBANO

O Concello de Cedeira vén de anunciar o remate do traballo artístico levado a cabo por Leandro Lamas nas dúas caras da ponte nova da vila, unha iniciativa máis do equipo de goberno para transformar os espazos públicos en arte urbana. Esta obra súmase ás xa executadas no auditorio, na estación de bombeo, no CEIP Nicolás del Río e mesmo nunha das paredes exteriores da biblioteca municipal.

Sobre a última, o executivo local destaca a participación dun artista consagrado como é Leandro Lamas Hermida nunha acción de goberno coa que se trata de “loitar contra o feísmo, crear museos de balde sen paredes e teitos e xerar un novo recurso cara ao sector turístico”.

A actuación que acaba de rematar tiña como obxectivo ocultar baixo unha composición artística as dúas vigas que soportan a ponte que comunica a praza do Peixe coa rúa Ponte Nova, nome polo que tamén é coñecida a devandita estrutura.

Agora, o formigón quedou solapado baixo uns debuxos moi artísticos, cheos de cor e nos que as sereas acaparan todas as olladas. Na fronte da ponte que dá á ría, dúas figuras femininas, rosadas de faciana e con colas ateigadas de formas xeométricas, serven para arroupar os versos “O norte é poema en si mesmo, é perfume e canción” dos que é autora a cantante local Guadi Galego.

Nautra viga, as sereas comparte espazo con outras personaxes que están a tocar instrumentos musicais ou se atopan enriba de animais acuáticos. As cores e os trazos volven ser a referencia artística da obra coa que Leandro Lamas vén de contribuír a transformar en luz e cor os espazos públicos e urbanos na vila de Cedeira. O artista contou coa colaboración de Abril Meizoso e Manu López Lamas para a realización deste proxecto.

O importe da obra ascendeu a un total de 5.300 euros (IVE Incluído). A devandida cantidade inclúe desde a realización de bocetos ata a man de obra e os materiais empregados.