Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Os roteiros e as xeorutas estarán operativas ata a segunda quincena do presente mes

OS ROTEIROS E AS XEORUTAS ESTARÁN OPERATIVAS ATA A SEGUNDA QUINCENA DO PRESENTE MES

O goberno de Cedeira estima en máis dun cento de persoas as que este ano tomaron parte no programa “Roteiros”, unha iniciativa municipal para dar a coñecer os principais recunchos da vila e que terá continuidade ata o día 19 do presente mes.

Roteiros dos Tesouros, da Vila e de San André de Teixido son os nomes que serven para identificar unha actividade que permite aos visitantes descubrir lugares de interese etnográfico e cultural como poden ser o santuario de Teixido, así como a costa cedeirense con parada no faro da Robaleira, ou a hermida de San Antón, o xacemento do Sarridal e o castelo da Concepción.

As persoas interesadas aínda están a tempo de participar nunha actividade que é de balde e para a que só é necesario apuntarse na oficina de Turismo (teléfono 981 482 187). As saídas tamén se realizan desde o devandito punto de información municipal (situado na avenida de Castelao). Desde a organización recoméndase aos participantes levar calzado de monte, bastón, auga, froita e chuvasqueiro. As distancias a percorrer oscilan entre os 18 quilómetros (ida e volta a San André) e os seis ou sete contabilizados no caso das outras dúas saídas.

O programa das Xeorutas, rutas guiadas de contido xeolóxico, tamén estará operativo ata o día 15 do presente mes. Nesta caso, as saídas previstas para a esta fin de semana son as do litoral, cantís e praias negras e para o seguinte (días 13,14 e 15) serán as dos cantís, praias negras e cromo.
A participación é gratuíta.