Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DUN PARQUE DE CALISTENIA A ACTOS CULTURAIS, PRIMEIRAS PROPOSTAS DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DE CEDEIRA

O alumnado de cuarto da ESO do IES Punta Candieria é un fervedoiro de propostas para os que serán os primeiros orzamentos participativos do Concello de Cedeira. Tras realizar unha diagnose sobre as necesidades do municipio, e máis concretamente da súa mocidade, teñen un primeiro paquete de ideas sobre o que están a traballar. Un parque de calistenia, un local de ensaios musicais, un parque canino e de adestramento, a creación dun fondo solidario para o propio instituto, a organización dun baile de fin de curso, de olimpíadas deportivas cos concellos próximos, dunha feira de formación e emprego, de actividades para as festas patronais, a publicación de traballos literarios, un auto-cine, unha boleira ou xogos de paint-ball están nesta primeira batería de propostas.

Tal é a variedade dos proxectos que os alumnos e alumnas teñen entre mans nestes momentos para chegar á elaboración dos primeiros orzamentos participativos do municipio, aos que o Concello de Cedeira ten reservada unha partida de 20.000€.

Os tres grupos de 4º da ESO traballan de maneira independente en diferentes propostas, que deberán ser enviadas ao Concello para que o seu persoal técnico elabore os informes de viabilidade técnica, xurídica e económica, e estime o custo de cada intervención. Está previsto que o grupo A entregue as súas xa o día 1 de decembro e que os outros grupos o fagan un pouco máis adiante. O obxectivo é ter finalmente unha relación de non máis de trinta propostas, todas elas valoradas economicamente e informadas favorablemente polos técnicos municipais, para ser sometidas a asemblea e votar as que finalmente se farán realidade.

No proceso de diálogo e debate que protagoniza o alumnado se puxeron sobre a mesa unha serie de inquedanzas, como son a extensión da rede de fibra óptica, os locais a disposición das asociacións ou a necesidade de vivendas sociais, que ainda que non se traduzan en propostas neste proceso serán tamén trasladadas ao Concello.