Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Comezaron as obras de ampliación e reforma da escola infantil da rede a galiña azul en Cedeira

COMEZARON AS OBRAS DE AMPLIACIÓN E REFORMA DA ESCOLA INFANTIL DA REDE A GALIÑA AZUL EN CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, e máis o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, participaron onte na firma da acta de replanteo das obras de ampliación e reforma da escola infantil da localidade. A actuación aumentará en 20 o número de prazas ofertadas para nenas e nenos de 0 a 3 anos, polo que pasará de 58 a 78.

Este acto supón o anuncio do inicio inmediato das obras, cun investimento total previsto de máis de 141.000 euros. Deles, o Consorcio -que xestiona o centro- desembolsará 100.000 euros (cunha achega do 80% procedente de Fondos Feder da Unión Europea), mentres que o montante restante corresponderalle ao Concello de Cedeira. Da actuación encargarase a empresa Prace Servicios y Obras S.A. cun prazo de execución máximo de seis meses.

As obras se levarán a cabo sen alterar o funcionamento ordinario do centro. Aproveitarase o mes de agosto no que a escola permanece pechada por vacacións para levar a cabo os traballos mais complexos e que a intención é que as actuacións rematen antes do Nadal.

Ademais das intervencións propias da ampliación, executaranse outras actuacións de mellora entre as que se atopan o incremento do espazo das aulas, a reforma completa da cociña e a instalación dun sistema de ventilación natural na área de descanso para menores de 0 a 1 anos. Tamén se dotará ás instalacións de novos elementos de protección no desnivel interior que existe entre plantas.

A Xunta e o Concello asinaron en xullo do pasado ano o convenio de colaboración para levar a cabo este proxecto de ampliación, para o que a administración local cedeu o edificio anexo á escola. A intervención mellorará a calidade da prestación do servizo nesta escola infantil que facilita a conciliación ás familias deste concello e da súa contorna.