Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira prepárase para celebrar o próximo domingo a III Festa da merluza da volanta

CEDEIRA PREPÁRASE PARA CELEBRAR O PRÓXIMO DOMINGO A III FESTA DA MERLUZA DA VOLANTA

O Concello de Cedeira colabora coa Confraría de Pescadores local na celebración da III Festa da Merluza da Volanta, que este ano será o próximo domingo día 30 de xuño e coa que se trata de poñer en valor un produto “cunha calidade moi difícil de superar”, segundo apuntou o patrón maior do pósito cedeirense, Eduardo González.

Un total de oito de barcos dedicados á pesca da volanta achegarán os 200 quilogramos de merluza necesarios para a elaboración do menú que comezará a servirse a partir das 12.00 horas na explanada da Confraría. Haberá carpa.

A organización espera repartir unhas 500 racións nas que a merluza será o ingrediente principal dun menú, no que haberá racións a oito euros, así como unha táboa con seis elaboracións diferentes que se poderá adquirir por 13. Neste último importe vai incluído o recipiente de madeira.

Estas propostas gastronómicas ademais sempre se poderán completar ou mesmo alternar con racións de berberechos ao vapor, empanada e pastelón do apreciado bivalvo que tamén formarán parte do menú e cuxo prezo non superará os seis euros.A Confraría tamén porá os 250 quilogramos de berberechos. Ademais, haberá un menú, a base de hamburguesa e perritos quentes, pensado para os nenos e nenas.

A festa inclúe así mesmo animación infantil, a cargo de “Fiestoke!”, e as actuacións do grupo “Los eternos”, a partir das 12.00 horas, e de Pepo Suevos, despois das tres da tarde.

Pola súa banda, o Museo Mares de Cedeira súmase á celebración dedicada á merluza da volanta cunhas xornadas que se desenvolverán ao longo de todo o día, entre as 9.30 e as 19.30 horas, e que consistirán en visitas guiadas nas que o viaxeiro terá a posibilidade de acercarse á técnica da extracción da ameixa e da coquina e así como á captura da merluza da volanta. Esta última información chegará ao visitante a través dun traballo documental. O prezo de entrada ao museo segue a ser dun euro.

Desde o Concello de Cedeira considérase a cita do próximo domingo como unha magnífica oportunidade para coñecer a vila, comer ao aire libre e saborear un produto que, “en menos de 24 horas pasa do mar ao prato, unha realidade difícil de superar”, segundo subliñou o patrón maior da Confraría de Cedeira.