Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira promove cinco actividades distintas ao longo desta semana para celebrar o Día das Letras Galegas

CEDEIRA PROMOVE CINCO ACTIVIDADES DISTINTAS AO LONGO DESTA SEMANA PARA CELEBRAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

A celebración do Día das Letras Galega en Cedeira dará lugar a cinco actividades distintas que terán como punto de partida hoxe xoves cunha representación teatral e rematarán o luns 20 cunha función teatral protagonizada por escolares. A festa desde ano está dedicada ao escritor pontevedrés Antón Fraguas.

A primeira cita, que será ás 20.30 horas no auditorio municipal, consistirá na representación da obra “Os romeiros do caracol” que, baseada nun estudio realizado por Fraguas sobre as festas populares, correrá a cargo de “Fantoches Baj”. Trátase dun espectáculo familiar, de 50 minutos de duración, que recrea a volta a casa de dous irmáns despois de cumprir a ofrenda que lle prometeron ao seu defunto avó de levalo a San Andrés de Teixido en forma de caracol, xa que non fora de vivo. Monicreques, cartel de cego, máscaras e reque-reque son algúns dos recursos do teatro popular que forman parte dunha actuación con música en directo interpretada polo acordeón diatónico de Carlos Quintá.

A fonte da Pixana acollerá mañá venres, día 17, o acto institucional, que comezará ás 12.30 horas e dará lugar a unha semblanza de Antón Fraguas, á lectura de poemas a cargo de alumnado do CEIP Nicolás del Río e a unha actuación musical. A Festa dos Maios, organizada pola Asociación de Maiores de Cedeira, será o sábado 18 no auditorio municipal e arrancará ás 20.00 horas.

O mundo da escena tornará ao día seguinte ao auditorio de Cedeira coa representación da obra “Fillos do Sol” a cargo da compañía Contraproducións. Trátase dunha elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que lle ocupou toda a súa vida: “As Eoas”. A cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, o poeta de Ponteceso confronta a súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas tendo como interlocutores a un personaxe nado das súas perturbacións e a criada da pensión na que está a vivir.

Os alumnos e alumnas do IES Punta Candieira volverán representar esta obra o luns día 20 e de novo será no auditorio municipal. A función dará comezo ás 12.30 horas.