Cedeira inaugura o domingo un panel no que se recollerá a historia do campo de concentración

CEDEIRA INAUGURA O DOMINGO UN PANEL NO QUE SE RECOLLERÁ A HISTORIA DO CAMPO DE CONCENTRACIÓN

O goberno de Cedeira organiza para o domingo, día 5, a inauguración do panel explicativo sobre o campo de concentración que houbo na vila, que quedará instalado na praza da Revolta, nas inmediacións do monumento que xa existe de recordo ás vítimas e represaliados.

O acto dará comezo ás 12.00 horas e está prevista a asistencia de representantes de distintas formacións políticas e da Asociación Memoria Histórica Democrática.

O panel, ilustrado con instantáneas cedidas pola familia do fotógrafo Andrés López, ten unhas dimensións de 90 por 60 centímetros e está escrito en tres idiomas (galego, castelá e inglés). Nel dánse a coñecer as características e a historia dun campo creado polo chamado bando nacional para recluír a prisioneiros republicanos, na súa maioría asturianos.

O recinto, ubicado nunha antiga fábrica de salgadura situada no que agora é o paseo marítimo, estivo en funcionamento entre os anos 1937 e 1938, datas na que os reclusos foron trasladados a outros centros polas súas pésimas condicións de hixiene. A instalación chegou a acoller a máis de 724 presos, segundo o historiador Enrique Barrera Beitia.

A eles referirase o alcalde, Pablo Moreda Gil, coa lectura da declaración institucional na que figurará, entre outros parágrafos, o seguinte: “Ás vítimas da ditadura franquista que co seu sacrificio, integridade e xenerosidade sementaron ideais, témoslles que renovar cada día o compromiso de manter viva a súa memoria nas novas e vindeiras xeracións. Debémosllo…..porque sen memoria non hai historia”.