Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira recorda nun panel ás vítimas e a historia do campo de concentración que houbo na vila

CEDEIRA RECORDA NUN PANEL ÁS VÍTIMAS E A HISTORIA DO CAMPO DE CONCENTRACIÓN QUE HOUBO NA VILA

O goberno de Cedeira inauguraba hai uns días un panel explicativo sobre o campo de concentración que houbo na vila durante a guerra civil. O acto reuniu a representantes das formacións que integran o executivo local (PSOE, BNG e Anova), entre outros asistentes.

O panel, ilustrado con instantáneas cedidas pola familia do fotógrafo Andrés López, ten unhas dimensións de 90 por 60 centímetros e está escrito en tres idiomas (galego, castelá e inglés). Nel dánse a coñecer as características e a historia dun campo creado polo chamado bando nacional para recluír a prisioneiros republicanos, na súa maioría asturianos.

O recinto, ubicado nunha antiga fábrica de salgadura situada no que agora é o paseo marítimo, estivo en funcionamento entre os anos 1937 e 1938, datas na que os reclusos foron trasladados a outros centros polas súas pésimas condicións de hixiene. A instalación chegou a acoller a máis de 724 presos, segundo o historiador Enrique Barrera Beitia.

A eles citou o alcalde, Pablo Moreda Gil, con motivo da lectura da declaración institucional na que figurará, entre outros parágrafos, o seguinte: “Ás vítimas da ditadura franquista que co seu sacrificio, integridade e xenerosidade sementaron ideais, témoslles que renovar cada día o compromiso de manter viva a súa memoria nas novas e vindeiras xeracións. Debémosllo…..porque sen memoria non hai historia”.