Cedeira acollerá este sábado o festival de habaneras dedicado ao compositor local “manolito”

CEDEIRA ACOLLERÁ ESTE SÁBADO O FESTIVAL DE HABANERAS DEDICADO AO COMPOSITOR LOCAL “MANOLITO”

O Concello de Cedeira rende homenaxe ao músico e compositor local Manuel Antonino García Jiménez, coñecido como Manolito, coa celebración da segunda edición do Festival de Habaneras, que será o próximo sábado na praza Floreal.

Catro serán as agrupacións que tomarán parte nesta iniciativa, que dará comezo ás 19.00 horas e será aberta ao público en xeral.

Así, as interpretacións musicais correrán a cargo das corais locais “Estrelas do Mar”, “Herbeira” e “Eixil” e da rondalla de Cedeira. Cada unha delas cantará un total de catro composicións e o Concello aproveitará o tempo de espera entre as actuacións para dar a coñecer a figura e a obra de Manuel Antonino García.

A concelleira de Cultura, Ermitas García Ríos, destacou do homenaxeado “o seu inmenso amor pola música e o seu compromiso por transmitila, o que o levou a participar no coro da igrexa, a actuar co grupo galego “Los Galaicos”, a fundar a coral Eixil e a ser director da primeira escola de música que houbo na vila”, segundo apuntou a titular de Cultura.

Ermitas García, que estes días se está a reunir con familiares e coñecidos do músico e compositor local cara ao acto do día 31, entende que “Manolito foi a semente do amor á música que a día de hoxe existe en Cedeira, xa que a súa contribución, xa fose a través da coral ou da escola, resultou ser imprescindible”.