Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira acolle mañá sábado o campionato galego de triatlon, que reunirá a 320 participantes

CEDEIRA ACOLLE MAÑÁ SÁBADO O CAMPIONATO GALEGO DE TRIATLON, QUE REUNIRÁ A 320 PARTICIPANTES

A vila de Cedeira acollerá por terceira ocasión o Campionato Galego de Triatlón, que será mañá sábado e no que participan un total de 320 nenos e nenas con idades comprendidas entre os dez e dezasete anos.

O Concello colabora economicamente na celebración do evento deportivo e pon a disposición da organización a cesión de instalacións e o traballo de axentes da Policía Local, membros de Protección Civil e traballadores municipais para garantir o normal desenvolvemento das probas, que darán comezo ás 13.05 horas e que terán lugar no contorno da praia da Madalena. Tamén contribúen con empanadas, mantecadas e outros agasallos a Panadaría Arribi e Gadis e Eroski con produtos para o avituallamento dos rapaces e rapazas.

A competición, que chega este ano a súa sexta edición local, dará lugar a probas de natación, bicicleta e carreira cuxos percorridos estarán en función da idade dos participantes. No caso da natación, a distancia será de 100 metros para os benxamíns e de 750 metros para os cadetes, mentres que na proba ciclista os máis novos pedalearán durante 2 quilómetros e os maiores un total de dez. As lonxitudes ás que se enfrontarán os participantes na proba da carreira oscilan entre os 500 metros e os 2,5 quilómetros.

A organización repartirá trofeos entre os tres primeiros clasificados, tanto a título individual como por equipos.

O goberno de Cedeira quere agradecer publicamente á organización a promoción deportiva que no ámbito local fai coa celebración dunha proba destas características, así como o traballo desinteresado dos voluntarios que veñen colaborando desde hai días para telo todo a punto cara ao día de mañá. Por outra banda, pídense desculpas aos veciños e visitantes polas incomodidades que poidan derivarse do desenvolvemento do campionato e tamén precaución por tratarse de competicións que requiren moito movemento de persoas e mesmo de vehículos.