Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

AVANZAN OS TRÁMITES PREVIOS Á REALIZACIÓN DAS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DA VARIANTE DE REGO DE TIDE

O salón de plenos do Concello de Cedeira acolle hoxe unha reunión cos propietarios das fincas afectadas pola construción da variante de Rego de Tide, para a mellora do trazado da estrada DP-2205. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que están a avanzar os trámites desta intervención, coa que vai mellorar a seguridade vial nunha estrada pola que transitan moitos autobuses turísticos camiño de San André de Teixido.

Así, a Deputación da Coruña convocou aos tres propietarios particulares afectados pola obra, así como ao propio Concello de Cedeira, para o levantamento de actas previas ás expropiacións, despois de que rematara o prazo de exposición pública do proxecto sen recibir ningunha alegación. En total, son 4.949 metros cadrados, de diferentes fincas, as que haberá que mercar para construír a nova variante.

A obra vai permitir eliminar a pronunciada curva que actualmente salva o rego de Tide, no punto quilométrico 1+000 da estrada provincial CP-2205. Construirase un novo trazado ao sur, con curvas amplias que facilitarán o paso aos autobuses e vehículos pesados, a unha velocidade máxima de 80 km/hora. Nas obras vai incluída a canalización do curso de auga ao longo dos 42 metros nos que estará a base do terraplén. O novo trazado percorrerá 230 metros, desde o quilómetro +920 ata o 1+220. O proxecto está incluído no Plan de Investimentos en Vías Provinciais 2020, Quinta Fase, e conta cun presuposto de 29.323,20 euros para as expropiacións e de 350.305,36 metros para as obras.

AS AUGAS DE AREA LONGA E A MADALENA MANTEÑEN UN ANO MÁIS A CUALIFICACIÓN DE EXCELENTE

A calidade das augas nas praias de Area Longa e A Madalena de Cedeira manteñen un ano máis a nota de “excelente”, a máxima valoración que outorga o programa de Saúde Pública da Xunta de Galicia. O resultado dos novos informes sobre as zonas de baño confirma os bos resultados que chegaron por primera vez en 2020. Tal como recorda o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, os controis devolveron un “insuficiente” en 2011, 2012 e 2014, cun tímido “suficiente” en 2013. “O traballo feito polo goberno local comezou a dar os seus froitos, de maneira que o suficiente se mantivo de 2015 ata 2017, despois pasou a ben, e xa en 2020 as nosas praias acadaron o excelente”.

Desde o goberno local recordan que o coidado do medio ambiente é unha prioridade e que a tarefa concirne a todos e todas. A mellora da calidade das augas de baño está en relación coas obras de saneamento, que van ampliando a rede separativa no municipio; coa mellora da xestión de residuos, como por exemplo na recollida de aceites usados, e tamén coa sensibilización da cidadanía a través de diferentes campañas, como a que chamou a atención sobre os prexuízos de verter directamente aos sumidoiros.

O alcalde recordou a importancia do traballo da cidadanía neste eido e en particular de ARCE, a Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira, cuxas limpezas contribuíron a mellorar moito a situación do Condomiñas. Nomeou tamén Moreda Gil as xestións que o propio goberno local desenvolveu nos últimos anos diante doutras administración como Augas de Galicia ou Portos e que se traduciron en actuacións efectivas.

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A MELLORA DO FIRME EN CATRO CAMIÑOS CUN ORZAMENTO DE MÁIS DE 41.000€

A Xunta de Goberno de Cedeira aprobou o expediente de licitación da obra de mellora dos firmes nos viais que dan acceso aos núcleos rurais de Santallamar, Corcobelas, Magoira e Os Candales. O concurso está publicado xa na Plataforma de Contratación do Sector Público cun prezo de 41.489,47€ (IVE incluído), dos que 21.993,31€ serán financiados cos fondos sobrantes do programa POS+Adicional 2021 e o resto correrá a cargo do Concello. Con esta actuación renovarase o asfalto de máis de 1,6 quilómetros de camiños municipais que dan acceso a catro núcleos rurais do municipio, mellorando así a seguridade viaria.

A pista de máis lonxitude na que se vai mellorar o firme é a dos Candales, con 447 metros de percorrido e un ancho medio de 3,10 metros. Séguelle o vial de Cordobelas, que enlaza o devandito núcleo coa estrada AC-566, con 410 metros de lonxitude e o mesmo ancho medio.

A estes dous camiños súmanse, no mesmo proxecto, o de Santallamar e o de Magoira. O primeiro dá acceso a un núcleo de vivendas importante e ten 221 metros de lonxitude, cun ancho medo de 3,10 metros. Por último, na zona de Magoira vaise actuar nun camiño de 240 metros de percorrido e nunha bifurcación do mesmo de 316, ambos cun ancho medio de 3,10 metros.

Os traballos consistirán, en todos os casos, na limpeza das gabias e no varrido da calzada para aproveitar ao máximo o ancho dos viais, así como no recheo de fochancas e o tratamento dos camiños aplicando unha capa de aglomerado en quente de cinco centímetros.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro día 8 de xuño para presentar as súas ofertas a esta licitación, que sae polo procedemento aberto simplificado. O prazo de execución das obras será de dous meses.