Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

O concurso de tapas de outono comeza hoxe en 13 locais de hostalería de Cedeira

Costela de porco con champiñóns; arroz cremoso de boletus, castaña e cristal de grelos con crocante de castaña; tosta de cogomelos e gulas, e milfollas de lombo con champiñóns, compota de mazá de tempada, queixo e crocante de panceta son só catro das tapas que veciños e visitantes poderán degustar esta fin de semana en trece establecementos de hostalería da vila de Cedeira.

Son os participantes na segunda edición do concurso de Tapas de Outono co que o goberno municipal busca exaltar os produtos locais de tempada e máis darlle visibilidade á hostalería da localidade.

As consumicións, a modo de petisco, serviranse desde as 20.30 horas de hoxe venres ata as catro da tarde do domingo, día 27. O prezo por unidade será de 1,5 euros.

O xurado estará formado polas persoas que proben as tapas e para poder participar só é preciso cubrir a tarxeta de votación que haberá en todos os locais participantes.

A organización establece o feito de degustar cinco propostas distintas para poder emitir o voto. Serán os propios encargados dos locais os que terán que selar ou asinar a tarxeta de votación para validala e, aínda que se recomenda probar todos os petiscos e conseguir o maior número de selos, só será posible votar por cinco dos locais visitados. Non se pode repetir unha puntuación, que vai de 1 a 5 puntos e só se admitirá unha tarxeta por persoa sempre que cumpran os requisitos esixidos.

Todos aqueles que participen cun voto válido serán incluídos no sorteo dunha cea para dúas persoas no local gañador do concurso.

O sexto número da revista Terras do Ortegal está dedicado ao Concello de Cedeira

O Palacete Municipal da vila acollerá o próximo venres (día 25) a presentación do sexto número da revista Terras do Ortegal dedicado a Cedeira cunha separata de oito artigos. A publicación está editada pola entidade homónima con sede en Ortigueira. 4O acto, que dará comezo ás 20.30 horas, reunirá a concelleira de Cultura, Ermitas García, o presidente da Asociación Terras do Ortegal, Xosé Torres; a escritora Obdulia Dopico Cachán; a músicólogo Xosé Antón Suárez Aneiros; a promotor do Museo Mares de Cedeira José Antonio Rodríguez Arribe; a profesor José Luis Vergara, ao arqueólogo Emilio Ramil e o vigario parroquial do Sto.Andrés de Teixido, Antonio Rúa.

Trátase dunha actividade aberta ao público en xeral, polo que desde o Concello de Cedeira invítase á veciñanza a participar nela asistindo á presentación dun novo número dunha publicación que naceu coa intención de promocionar o Ortegal desde o coñecemento da súa historia, patrimonio e singularidades.

Cedeira convoca unha xornada formativa para dar a coñecer o uso e posibilidades da sede electrónica

CEDEIRA CONVOCA UNHA XORNADA FORMATIVA PARA DAR A COÑECER O USO E POSIBILIDADES DA SEDE ELECTRÓNICA

O Concello de Cedeira convoca para o día 25 unha xornada formativa, dirixida ao público en xeral, para que a veciñanza coñeza as posibilidades e vantaxes que ofrece a sede electrónica á hora de facer xestións e trámites administrativos vía telemática.

As persoas interesadas deben apuntarse na oficina de Turismo (avenida Castelao, número 18), no teléfono 981 482 187, ou ben facelo a través do correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.gal.

A sala de usos múltiples, situada no pavillón polideportivo municipal, acollerá unha iniciativa que dará comezo ás 10.30 horas e que será impartida por unha profesional do sector. A administración local conta coa colaboración da Deputación da Coruña para a realización dunha xornada que se está a difundir baixo o lema “O teu concello máis preto”.

Desde o goberno municipal invítase os veciños e as veciñas de Cedeira a participar nunha iniciativa que abre novas vías de comunicación coa administración, que axiliza os trámites e que ademais é respectuosa co medio ambiente porque reduce o consumo de papel.