Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

O Concello convida a participar os/as veciños/as no enterro da sardiña

Afiade as vosas plumas!!
Que nestas datas de exceso
o falar non ten cancelas
e o froito das vosas verbas
terá panexírico eco
Será custodio do riso,
impertinente invitado
á transmutación de estado
camiño do paraíso,
ao navegar derradeiro
cara o escamoso valhalla
da sardiña, xa sen fala,
agasallo ao cancerbeiro
Bulide, escribide axiña,
veña negro sobre branco,
transformade en risa o pranto.
no Enterro da Sardiña.

Mandádenos as vosas coplas, enchédevos de sátira e vide despedir á sardiña con nós!.
Todas aquelas coplas que cheguen ao correo enrique.vazquez@cedeira.gal antes do 26 de febreiro serán lidas durante o enterro (as mesmas poden ser lidas pola persoa autora se así o quixer).

Serán excluídas aquelas coplas que utilicen unha linguaxe soez, insultos, ameazas ou empreguen linguaxe sexista, xenófoba, homófoba ou transfóbica.

O Concello de Cedeira estará presente no pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía

O pleno de Cedeira acaba de aprobar por unanimidade a adhesión do Concello de Cedeira ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía (Covenant of Mayors Climate&Energy), polo que a administración local se compromete a mellorar a eficiencia enerxética, a reducir as emisións de CO2 e a aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.

Na actualidade, o 10% do consumo eléctrico do Concello de Cedeira ten a súa orixe nas enerxías renovables e entre os obxectivos nesta materia do executivo local está estender a medida á totalidade de iluminación pública antes de que remate o próximo ano.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, que participou nunha reunión do Pacto dos Alcaldes, destacou o traballo que desde o Concello se leva realizado nos últimos anos no sentido de reducir consumo e contaminación e apostar pola eficiencia e respecto polo medio ambiente, ademais de engadir que “o cambio climático é responsabilidade de todos, comezando polas administracións”.

Esta política, segundo o rexedor municipal, tamén dará lugar á adhesión do Concello á Central de Contratación da Federación de Municipios e Provincias para garantir que toda a enerxía eléctrica que se compre proceda de renovables.

A participación de Cedeira no Pacto de Alcaldes obriga a administración local a redactar, no prazo de dous anos, un plan de acción para facer un seguimento das medidas adoptadas e avaliar os riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático.

O Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía consiste no compromiso dos concellos en faceren propios os obxectivos da Unión Europea para o ano 2030 e reduciren as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40% a través de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxías renovables.

Aprobación da convocatoria e bases do concurso de disfraces entroido 2020

Para fomentar a participación e manter a tradición do entroido, o Concello de Cedeira organiza o “Desfile de Entroido 2020” o sábado 22 de febreiro de 2020 e convoca á veciñanza a participar nel e no tradicional concurso de disfraces.

Pode consultar as bases do concurso na apartado da web de concursos culturais e deportivos dispoñible na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Concursos culturais e deportivos