Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

En outubro arrinca o curso 2019-2020 de Batukada Discalz@s no Escolar de Piñeiro

EN OUTUBRO ARRINCA O CURSO 2019-2020 DE BATUKADA DISCALZ@S NO ESCOLAR DE PIÑEIRO

Entre os meses de outubro de 2019 e xullo de 2020 desenvolveranse no Escolar de Piñeiro as clases grupais de Batukada Discalz@s, para adultos e nenos e nenas a partir de 4 anos.

As clases terán lugar os martes polas tardes, e os sábados á mañá os ensaios do grupo batukada. Desde a organización do curso subminístrase todo o material e os instrumentos necesarios para os asistentes ás clases.

As persoas interesadas deberán chamar ao número 629 606 767 (Berta).

O goberno de Cedeira valora o balance da campaña estival, que foi moi satisfactoria

O GOBERNO DE CEDEIRA VALORA O BALANCE DA CAMPAÑA ESTIVAL, QUE FOI MOI SATISFACTORIA

O goberno de Cedeira valora moi satisfactoriamente o balance da campaña estival que acaba de rematar e que deixa uns datos que vén de confirmar a boa sensación que xa existía entre a veciñanza, empresarios e comerciantes. Para o alcalde, Pablo Moreda Gil, a campaña foi “excepcional”.

Os responsables municipais destacan as case 7.000 persoas que nos últimos tres meses e medio pasaron pola oficina de Turismo, sendo o de agosto, cun total de 3.287 visitantes, o máis rendible turisticamente. Tampouco son de desprezar, segundo o executivo local, as cifras relativas ao castelo da Concepción. Neste caso, entre a segunda quincena de xullo e a primeira do presente mes, a fortaleza recibiu a visita de 5.670 persoas. Só en agosto, o número de visitantes rondou os 3.300, o que converte a esta fortificación nun importante polo de atracción turística da vila. Neste sentido, o goberno municipal anuncia que se atopa en fase de licitación a obra que remodelará a área expositiva do castelo e coa que se pretende que veciños e visitantes poidan desfrutar e coñecer de primeira man o patrimonio local e o conxunto arqueolóxico descuberto en Punta Sarridal. O investimento ronda os 40.000 euros.

A estas novas cómpre añadir os bos resultados do programa de Xeorutas, no que este verán tomaron parte un total de 507 persoas. Esta cifra representa un incremento dun 1,4% con respecto ao ano pasado e chega ata o 15% se se compara cos datos da primeira edición.

O equipo de goberno valora a tendencia de participación sempre alcista dunha iniciativa coa que se trata de facer da xeoloxía un reclamo máis do potencial turístico e natural do territorio e considera así mesmo que as saídas guiadas xa forman parte da oferta que o Concello de Cedeira ofrece aos visitantes tanto nos meses de verán como durante os días de Semana Santa.

Desta última estatística despréndese que a ruta das praias negras e a denominada granate son as que seguen a despertar un maior interese por parte do público, cunha ocupación do 100%, unha cantidade á que tamén se aproximaron as tres restantes: litoral, cantís e cromo.

Tamén quedou demostrado que a metade das persoas que fixeron un percorrido este ano levaran a cabo outro con anterioridade, polo que non se descarta que, cara a próximas edicións, habería que incrementar a oferta para evitar o estancamento dunha actividade que, desde a súa posta en funcionamento, leva contabilizados máis de 2.000 participantes.

Aberto o prazo de matrícula na escola de música Pro-Cedeira para o curso 2019-2020

ABERTO O PRAZO DE MATRÍCULA NA ESCOLA DE MÚSICA PRO-CEDEIRA PARA O CURSO 2019-2020

A Asociación Cultural Pro-Cedeira vén de abrir o prazo para a matrícula na escola de música, do novo curso que arrinca o 3 de outubro no Escolar de Piñeiro. A matrícula é gratuita, e as persoas interesadas poden realizar a inscrición chamando ao 655 391 140 ou ao 630 884 711.

Impartiranse entre outras, as seguintes especialidades: solfeo, percusión, guitarra clásica, guitarra eléctrica, canto, saxofón, laud, mandolina, bandurria, trompeta, bombardino, grupo de cuerda, grupo de rock, piano, e moito máis.

Desde a asociación chaman a todos os interesados e interesadas a divertirse aprendendo música.