Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O goberno de Cedeira valora o balance da campaña estival, que foi moi satisfactoria

O GOBERNO DE CEDEIRA VALORA O BALANCE DA CAMPAÑA ESTIVAL, QUE FOI MOI SATISFACTORIA

O goberno de Cedeira valora moi satisfactoriamente o balance da campaña estival que acaba de rematar e que deixa uns datos que vén de confirmar a boa sensación que xa existía entre a veciñanza, empresarios e comerciantes. Para o alcalde, Pablo Moreda Gil, a campaña foi “excepcional”.

Os responsables municipais destacan as case 7.000 persoas que nos últimos tres meses e medio pasaron pola oficina de Turismo, sendo o de agosto, cun total de 3.287 visitantes, o máis rendible turisticamente. Tampouco son de desprezar, segundo o executivo local, as cifras relativas ao castelo da Concepción. Neste caso, entre a segunda quincena de xullo e a primeira do presente mes, a fortaleza recibiu a visita de 5.670 persoas. Só en agosto, o número de visitantes rondou os 3.300, o que converte a esta fortificación nun importante polo de atracción turística da vila. Neste sentido, o goberno municipal anuncia que se atopa en fase de licitación a obra que remodelará a área expositiva do castelo e coa que se pretende que veciños e visitantes poidan desfrutar e coñecer de primeira man o patrimonio local e o conxunto arqueolóxico descuberto en Punta Sarridal. O investimento ronda os 40.000 euros.

A estas novas cómpre añadir os bos resultados do programa de Xeorutas, no que este verán tomaron parte un total de 507 persoas. Esta cifra representa un incremento dun 1,4% con respecto ao ano pasado e chega ata o 15% se se compara cos datos da primeira edición.

O equipo de goberno valora a tendencia de participación sempre alcista dunha iniciativa coa que se trata de facer da xeoloxía un reclamo máis do potencial turístico e natural do territorio e considera así mesmo que as saídas guiadas xa forman parte da oferta que o Concello de Cedeira ofrece aos visitantes tanto nos meses de verán como durante os días de Semana Santa.

Desta última estatística despréndese que a ruta das praias negras e a denominada granate son as que seguen a despertar un maior interese por parte do público, cunha ocupación do 100%, unha cantidade á que tamén se aproximaron as tres restantes: litoral, cantís e cromo.

Tamén quedou demostrado que a metade das persoas que fixeron un percorrido este ano levaran a cabo outro con anterioridade, polo que non se descarta que, cara a próximas edicións, habería que incrementar a oferta para evitar o estancamento dunha actividade que, desde a súa posta en funcionamento, leva contabilizados máis de 2.000 participantes.