Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CEDEIRA MULTARÁ CON ATA 3.000 EUROS A MADERISTAS OU EMPRESAS EÓLICAS QUE ESNAQUICEN CAMIÑOS

O Concello de Cedeira sancionará ás empresas dos sectores forestais e eólico que infrinxan a ordenanza reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais.

As sancións serán entre:

  • De 1.500 e 3.000 euros, en caso de infraccións moi graves.
  • De 750 a 1.500 euros se son graves.
  • De 750 euros se se consideran leves.

Antes de realizar traballos de madeira ou actuacións relacionadas cos parques eólicos, será obrigatorio presentar (por parte das empresas) un escrito de comunicación previa, identificando as leiras afectadas, os titulares, o volume de madeira, etc… entre outros datos. E no caso do sector eólico, a maiores deberán incluír a descrición do transporte (volume e peso).

O CONCELLO DE CEDEIRA AVANZA NA IMPLANTACIÓN DA ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

O Boletín Oficial da Provincia publica na súa edición de onte a resolución da Alcaldía de Cedeira coa aprobación do selo electrónico para as actuacións administrativas automatizadas. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, trátase dun sistema de firma electrónica que permite autenticar unha actuación administrativa e que vai servir, na práctica, para que a cidadanía poida completar máis trámites en liña.

Así, o selo electrónico vai servir para obter directamente a través da web documentación autenticada polo Concello de Cedeira, sen necesidade de enviar unha solicitude que despois teña que xestionar a administración local. Empregarase en procedementos como a expedición de certificados de empadroamento, que xa estarán así totalmente automatizados e non precisarán da intervención dos funcionarios públicos.

O procedemento servirá en xeral para todas as actuacións administrativas que se vaian incorporando, e de xeito específico, para a expedición de certificados e de volantes de empadroamento, de recibos de presentación no rexistro electrónico da Administración e para o foliado automático de expedientes electrónicos.

O CONCELLO DE CEDEIRA CONTRATA O 100% DO SUMINISTRO ELÉCTRICO NAS SÚAS INSTALACIÓNS DE FONTES RENOVABLES

O pleno da corporación cedeiresa aprobou na súa última sesión contratar a totalidade do suministro das instalacións municipais de alta e baixa tensión de enerxías verdes. Segundo recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, con anterioridade o goberno local xa apostara polas renovables para alimentar os edificios municipais, pero agora a decisión exténdese á totalidade da factura eléctrica do Concello, na consideración de que “as administracións públicas deben de ser as primeiras que aposten polo consumo deste tipo de enerxías limpas”.

Así, o Concello de Cedeira dá un paso máis na súa política a prol do coidado do medio ambiente e na loita contra o cambio cllimático, que xa deixou patente na sinatura do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. No marco de dito pacto está en marcha un plan de acción para reducir as emisións contaminantes nun 40% para o ano 2030 e este contrato contribuirá a facelo posible.

A contratación faise a través do acordo de suministración que mantén a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con varias eléctricas, dado que a administración local tramitara xa a comezos do ano 2020 a súa adhesión á central de contratación desta organización.

Moreda Gil defendeu na sesión plenaria a importancia de apostar por enerxías renovables para frear o cambio climático e aludiu aos efectos que este proceso ten no propio municipio, concretamente na degradación da praia da Madalena. O alcalde subliñou que as renovables permiten reducir a dependencia das enerxías fósiles como o carbón ou o petróleo. Segundo explicou, mentres que a eólica produce 21 gramos de CO2 por KWh, o carbón produce 1.000.

Entre outras cousas, o rexedor cedeirés recordou que a enerxía renovable é inesgotable e fomenta a sostenibilidade, fainos menos dependentes do exterior, xera novos empregos e abarata os custos da electricidade.