Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O Concello firmou onte en Santiago o convenio para a ampliación da escola infantil

O CONCELLO FIRMOU ONTE EN SANTIAGO O CONVENIO PARA A AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL

O goberno de Cedeira vén de firmar o convenio de colaboración coa Consellería de Política Social para que a ampliación da escola infantil sexa unha realidade cara ao curso 2019-2020.
No acto déronse cita na mañá de onte en Santiago o titular da Consellería, José Manuel Rey Varela, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e, por parte do Concello, o alcalde, Pablo Moreda Gil, e os concelleiros de Educación e Cultura, Robustiano Labraña e María Xosé Rodríguez Pérez, respectivamente.

O alcalde, ademais de valorar o acordo que acababa de asinar, adiantou que a idea que baralla a Xunta é sacar a licitación a obra ao longo do próximo mes de setembro e recordou así mesmo que se trata dun investimento de 141.337,70 euros, do que o Consorcio desembolsará 100.000, mentres que o montante restante corresponderalle ao Concello. As obras proxectadas permitirán aumentar a oferta do centro en 20 prazas, ao pasar de 58 (4 unidades) a 78 prazas (5 unidades), elevando a taxa de cobertura para nenos de 0 a 3 anos no municipio e paliando a lista de agarda de 21 nenos. Moreda Gil considerou que o acordo alcanzado coa Xunta “é un importante logro, cuxo éxito lle corresponde a todo o pobo, e que responde a unha necesidade moi demanda e que agora será moi ben recibida por pais con fillos menores de tres anos”.

O alcalde lembrou especialmente aos pais que, cunha campaña de recollida de sinaturas, foron quen de mobilizar a todo un pobo a prol dunha demanda tan xusta como necesaria.

A obra consistirá na ocupación dun segundo edificio anexo ao actual e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas desde o Consorcio. Así, no actual edificio construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado. Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuídor e un acceso á primeira planta.

Estas obras suporán cambios tamén no exterior da escola infantil. O acceso actual do segundo edificio reconverterase en saída de emerxencia, polo que se prevé a construción dun novo para chegar á primeira planta do mesmo, así como modificar a ventá existente baixo a escaleira e substituila por unha porta de características similares ás que xa existen. O feito de pasar de un a dous edificios anexos obrigará a modificar o punto de acceso á parcela, xenerando a construción dunha nova rampa e unha plataforma horizontal na fronte da edificación. Estes cambios traduciranse en máis espazos de recreo e na adaptación do peche perimetral.

A Semana Infantil anuncia as festas patronais que darán comezo o próximo venres

A SEMANA INFANTIL ANUNCIA AS FESTAS PATRONAIS QUE DARÁN COMEZO O PRÓXIMO VENRES

As festas patronais, que Cedeira está a vivir entre o día 10 e 17 do presente mes, teñen como adianto a Semana Infantil que arrincará o próximo luns e que ata o xoves (día 9) terán como escenario a praza Roxa, a partir das 10.30 horas.

A primeira xornada estará dedicada ao atletismo, polo que os nenos e nenas terán que superar probas de velocidade, resistencia, remuda, xavelina e peso.

Ao día seguinte, martes 7, os participantes deberán demostrar a súas habilidades en competicións como a de tiro de corda e a de“silla”. Son os denominados “Xogos dos Avós”.

O humor chegará á Semana Infantil coa celebración o mércoles de carreiras de sacos, de ovo e culler. Pola tarde, o pavillón polideportivo acollerá os últimos partidos da competición de fútbol sala, promovida polo Concello, que este ano chega a súa trixésima quinta edición. Os primeiros encontros darán comezo ás 18.00 horas.

O xoves, día 9, a actividade trasladarase á praia da Madalena coa celebración do tradicional concurso de castelos na area.

O Concello invita á veciñanza a sumarse á recepción que haberá o sábado a seis nenos de Chernóbil

O CONCELLO INVITA Á VECIÑANZA A SUMARSE Á RECEPCIÓN QUE HABERÁ O SÁBADO A SEIS NENOS DE CHERNÓBIL

O goberno de Cedeira invita á veciñanza a participar na recepción oficial que o Concello ofrecerá este sábado (día 4) a un grupo de seis nenos e nenas de Chernóbil e as súas respectivas familias de acollida. Principalmente son dos municipios de Ferrol e Narón. En total serán unhas 18 persoas as que visitarán a vila.

O acto, que terá lugar na Casa do Concello, dará comezo ás 11.30 horas e a súa finalidade é “mostrar o recoñecemento do pobo de Cedeira á entrega das familias de acollida” ao longo dos meses de verán. Froito deste compromiso social os nenos e nenas, que habitualmente viven nunhas condicións moi duras, melloran notablemente tanto no aspecto físico como no psíquico, segundo din os expertos.

Os invitados aproveitarán a súa estancia na vila de Cedeira para coñecer o Museo Mares de Cedeira e o castelo da Concepción e, a modo de despedida, serán obsequiados cuns “pinchos de confraternidade”.