Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

UN MURAL CHEO DE COR E DE ACTIVIDADE DECORA A FACHADA DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DE CEDEIRA

Un mural adorna desde hai pouco a fachada exterior do Polideportivo Municipal de Cedeira. O goberno local confioulle ao artista multidisciplinar Carlos García Romero esta nova obra de street art, que consonte coa actividade deportiva que se desenvolve no interior do edificio e tamén noutros espazos da vila, retrata a xente practicando diferentes disciplinas como atletismo, fútbol, remo, ximnasia rítmica, natación, etc.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que o traballo mellora moito o aspecto do edificio, cambiando o anterior formigón gris por unha parede chea de cor “que conecta coa intensa vida deportiva de Cedeira”. Adiantou tamén o rexedor local que en breve vai pintarse outra obra de street art no muro lateral do novo espazo público creado a carón do Pazo Moscoso. “Vai ser un mural sobre o Xeoparque, financiado con fondos do proxecto”, explicou Moreda Gil, que tamén explicou que haberá unha obra alusiva ao mesmo tema en cada un dos concellos implicados.

O Concello investiu 4.961€ (IVE incluído) nesta nova peza do museo ao aire libre que leva anos promovendo para embelecer diferentes puntos da vila. Confioulle esta nova creación ao autor da pintura “As mulleres do mar”, que decora a parede cega dun edificio de cinco alturas na rúa Cariño. Carlos García Romero plasmou nesta ocasión diversas actividades deportivas cun fondo moi acuático, que recrea o vaso dunha piscina e que tamén nun punto do mural reproduce a paisaxe da praia da Madalena. Xunto ás crianzas que nadan e as persoas adultas que practican diferentes deportes, o pintor reservou un espazo para uns ratos moi simpáticos que tamén se afanan por remar, bucear ou xogar coa pelota. En total, o mural cubre os máis de 50 metros de lonxitude da fachada principal do Polideportivo, na Avenida España.

A anterior incorporación ao museo de street art de Cedeira, “As mulleres do mar”, foi o resultado do concurso que convocou o Concello de Cedeira para animar a particulares ou comunidades de veciños a adornar os seus muros. Daquela os propietarios do edificio de cinco plantas no número 5 da rúa Cariño presentaron o seu proxecto, no marco de dita convocatoria, e contaron tamén con Carlos García Romero para a execución.

Nas rúas de Cedeira están tamén a obra adicada a Rosalía de Castro no exterior da biblioteca municipal, que asinou Agustín González; os coloristas murais de Adrián Taracido no exterior da estación de bombeo e nos peches da escola infantil A Galiña Azul e do CEIP Nicolás do Río. Leandro Lamas encargouse de adornar os baixos da Ponte Nova e Laura Recio fixo a pintura adicada ao Samaín na rúa da Cruz. Xunto con estas obras, tamén promoveu o Concello o mural participativo sobre a igualdade que fixeron alumnos e alumnas do IES Punta Candieira, nunha parede situada preto do centro, así como o que fixo Luis Davila, o coñecido creador das tiras cómicas O Bichero.

O CONCELLO DE CEDEIRA APELA Á COLABORACIÓN DA XUNTA E A DEPUTACIÓN PARA DOTARSE DUNHA PISCINA DE 25 METROS

O pleno da corporación de Cedeira aprobou por unanimidade na súa última sesión unha moción do grupo de goberno na que se expón a necesidade de implicar tanto á Xunta de Galicia como á Deputación Provincial no proxecto de construír unha nova piscina municipal. A instalación actual, cun vaso de 16×8 metros, quedouse obsoleta para responder á altísima demanda da poboación, tanto nos cursos e actividades terapéuticas organizadas polo Concello como no que atinxe ao Club Natación Cedeira, con 230 licenzas federativas e uns excelentes resultados en competicións galegas e nacionais.

A intención do Concello de Cedeira é cofinanciar a nova piscina de 25 metros a través de senllos acordos coa Xunta de Galicia e a Deputación Provincial, de maneira que cada unha destas administracións custee un terzo do orzamento, o mesmo porcentaxe que se compromete a asumir a propia institución municipal. Na moción que presentou o grupo socialista achéganse datos obxectivos que xustifican a demanda e que garanten que as instalacións terían un uso intensivo.

Así, nos cursos de natación organizados polo Concello de Cedeira –para bebés e para embarazadas, así como para todas as franxas de idade- e nas actividades terapéuticas para adultos hai matriculadas 245 persoas e outras 54 están en lista de espera –aínda que realmente serían máis se houbese capacidade-. A isto súmanse as 50 persoas usuarias das asociacións Apader e Sobrerrodas; as máis de 60 que van a baño libre e as 120 que adestran habitualmente co Club Natación Cedeira.

A traxectoria desta última entidade deportiva, no ámbito da natación e do tríatlon, é un argumento de peso para reclamar unha piscina de 25 metros. Aludindo en exclusiva á súa actividade do pasado ano, o club participou en máis de 40 competicións galegas e nacionais e foi o mellor de Galicia nas probas de nada+Corre (tríatlon) do programa Xogade organizado pola Secretaría Xeral do Deporte. Gañou o título de campión por equipos e individual de Tríatlon Cadete en España, así como o de equipos de Acuatlón Cadete e o individual de Acuatlón absoluto en España. Ademais, deportistas de Cedeira están na Selección Galega de Tríatlon, que foi campioa de España, e na de Atletismo, que foi subcampioa no nacional de Campo a través.

O deporte é un sinal de identidade de Cedeira, destacan desde o equipo de goberno de Moreda Gil, e esta é unha realidade que se quere apoiar e fomentar desde a administración muniicpal. A localidade conta con 13 entidades deportivas, a única vía ferrata de Galicia, un deportista olímpico e unha lista de máis de dez novos que pasaron polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O deporte é unha escola de hábitos saudables, un espazo para o envellecemento activo e tamén unha actividade que, sobre todo a través da celebración de competicións e eventos que atraen a visitantes de fóra, contribúe a dinamizar a economía local.

O POLIDEPORTIVO DE CEDEIRA SUMA HOXE E MAÑÁ A TODAS AS ATRACCIÓNS XA ABERTAS UNHA PISTA DE BATALLAS NERF

O Polideportivo Municipal de Cedeira bule de actividade nestas festas de Nadal. Alí está a pista de xeo, un tobogán xigante xunto a outras atraccións inchables e unha zona de obradoiros para as crianzas, actividades que funcionan todos os días, agás os festivos, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, totalmente de balde. A esta programación súmase hoxe e mañá unha proposta máis para a mocidade: as batallas Nerf.

No interior do pavillón montouse desde hoxe unha grande estrutura inchable en cuxo interior os xogadores e xogadoras poderán vivir as súas batallas con pistolas Nerf, que disparan pelotas de espuma. É unha actividade totalmente segura e lúdica, na que rapaces e rapazas xogan en equipo e desenvolven as súas estratexias, equipados con máscaras, chalecos e as devanditas armas de xoguete. Esta proposta, como todas as que se desenvolven no Polideportivo, é de balde.

Así, o campo de xogo para as batallas Nerf estará no Polideportivo hoxe e mañá, e o mércores e xoves chegará o tren infantil. Os máis pequenos poderán subirse aos seus vagóns e dar unha volta polo circuíto montado para a ocasión.

Ao longo de toda a semana, as actividades promovidas polo Concello no Polideportivo Municipal funcionarán de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h. Monitores e monitoras especializados encárganse de propoñer xogos na xona de obradoiros e tamén de organizar o acceso a todas as atraccións. Repártense patíns para deslizarse pola pista de xeo. Hai dispoñibles 150 pares con números que van do 25 ao 47. Cómpre recordar que a pista é de xeo sintético, un material que ofrece boas condicións para a práctica da patinaxe e que é máis sostible e respectuoso co medio ambiente.