Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UN MURAL CHEO DE COR E DE ACTIVIDADE DECORA A FACHADA DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DE CEDEIRA

Un mural adorna desde hai pouco a fachada exterior do Polideportivo Municipal de Cedeira. O goberno local confioulle ao artista multidisciplinar Carlos García Romero esta nova obra de street art, que consonte coa actividade deportiva que se desenvolve no interior do edificio e tamén noutros espazos da vila, retrata a xente practicando diferentes disciplinas como atletismo, fútbol, remo, ximnasia rítmica, natación, etc.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que o traballo mellora moito o aspecto do edificio, cambiando o anterior formigón gris por unha parede chea de cor “que conecta coa intensa vida deportiva de Cedeira”. Adiantou tamén o rexedor local que en breve vai pintarse outra obra de street art no muro lateral do novo espazo público creado a carón do Pazo Moscoso. “Vai ser un mural sobre o Xeoparque, financiado con fondos do proxecto”, explicou Moreda Gil, que tamén explicou que haberá unha obra alusiva ao mesmo tema en cada un dos concellos implicados.

O Concello investiu 4.961€ (IVE incluído) nesta nova peza do museo ao aire libre que leva anos promovendo para embelecer diferentes puntos da vila. Confioulle esta nova creación ao autor da pintura “As mulleres do mar”, que decora a parede cega dun edificio de cinco alturas na rúa Cariño. Carlos García Romero plasmou nesta ocasión diversas actividades deportivas cun fondo moi acuático, que recrea o vaso dunha piscina e que tamén nun punto do mural reproduce a paisaxe da praia da Madalena. Xunto ás crianzas que nadan e as persoas adultas que practican diferentes deportes, o pintor reservou un espazo para uns ratos moi simpáticos que tamén se afanan por remar, bucear ou xogar coa pelota. En total, o mural cubre os máis de 50 metros de lonxitude da fachada principal do Polideportivo, na Avenida España.

A anterior incorporación ao museo de street art de Cedeira, “As mulleres do mar”, foi o resultado do concurso que convocou o Concello de Cedeira para animar a particulares ou comunidades de veciños a adornar os seus muros. Daquela os propietarios do edificio de cinco plantas no número 5 da rúa Cariño presentaron o seu proxecto, no marco de dita convocatoria, e contaron tamén con Carlos García Romero para a execución.

Nas rúas de Cedeira están tamén a obra adicada a Rosalía de Castro no exterior da biblioteca municipal, que asinou Agustín González; os coloristas murais de Adrián Taracido no exterior da estación de bombeo e nos peches da escola infantil A Galiña Azul e do CEIP Nicolás do Río. Leandro Lamas encargouse de adornar os baixos da Ponte Nova e Laura Recio fixo a pintura adicada ao Samaín na rúa da Cruz. Xunto con estas obras, tamén promoveu o Concello o mural participativo sobre a igualdade que fixeron alumnos e alumnas do IES Punta Candieira, nunha parede situada preto do centro, así como o que fixo Luis Davila, o coñecido creador das tiras cómicas O Bichero.