Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A CORPORACIÓN CEDEIRESA RECLAMOU IGUALDADE REAL NO ACTO INSTITUCIONAL CELEBRADO ESTA MAÑÁ POLO 8M

A corporación de Cedeira participou esta mañá la lectura dun manifesto institucional polo Día da Muller, no que se recordou a loita do feminismo ao longo da historia e se recordou que hoxe en día perviven a fenda salarial, o teito de cristal e as violencias machistas, “exemplos do longo percorrido que aínda nos queda por facer socialmente e tamén institucionalmente”.

No texto ao que deron lectura por quendas os representantes de todas as formacións políticas con presencia na corporación quedou patente a loita de tantas mulleres esquecidas e invisibilizadas para gañar a igualdade no espazo público e tamén no privado. Neste último, recordaba o manifesto que o actual sistema de benestar “construiuse sobre o traballo de mulleres en situación de desigualdade e falta de recoñecemento económico e social” que desenvolveron tradicionalmente os coidados dentro do eido familiar.

“Reivindicamos o dereito das mulleres a participar en todos e cada un dos eidos da vida social e desempeñar calquera profesión ou actividade, a necesidade de crear espazos sen discriminación e a fin de contas, de acadar na nosa sociedade unha situación de igualdade real, sen violencias e sen discriminación”, proclamou a corporación a través do manifesto. O acto institucional, que se celebrou este mediodía na praza da Reitoral, rematou cun pequeno recital do grupo da Escola de Música de Cedeira. Os actos organizados polo Concello de Cedeira con motivo do 8M continúan este venres, día 10, coa entrega do premio “Muller da Vila”, que cada ano concede a Asociación Mulleres da Vila. Nesta ocasión, o acto será ás 19.00 horas no Auditorio e o recoñecemento irá ao equipo de fútbol feminino Discalzas SD.

O programa rematará o vindeiro día 17 de marzo, data na que está prevista a proxección, no Auditorio Municipal, do traballo “Diversas mulleres, mulleres diversas”. É un audiovisual realizado polo equipo Faro de Igualdade do IES Punta Candieira.