Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

PARABÉNS AO CLUB DE REMO CEDEIRA POLO OURO NO CAMPIONATO MUNDIAL DE REMO INDOOR DE VETERÁNS

O goberno local de Cedeira quere expresar o seu recoñecemento ao Club de Remo Cedeira e ao seu deportista Justo Pérez Cean, que vén de proclamarse campión mundial de remoergómetro na categoría de veteráns (de 65 a 69 anos) e na distancia de 2.000 metros. Pérez Cean fixo un tempo de 6.52.2 na proba, que disputou online desde o pavillón municipal e co seu adestrador Chema Hermida ao lado.

É un éxito máis que enche de orgullo ao deporte local e en particular ao Club de Remo. Cómpre destacar que Pérez Cean chegou á disciplina hai pouco tempo, despois da súa xubilación. Desde o Concello felicitan tamén aos deportistas Marcos Peña e Luis Miguel Escourido pola súa participación no campionato mundial que disputaron, eles si de maneira presencial, en Praga.

Tamén expresan desde o Concello o seu recoñecemento aos logros do resto dos clubes locais. En particular, nos últimos meses, deportistas do Karate Cedeira levaron para casa varias medallas. É o caso de Sara García Yáñez, que gañou o bronce de Kumite no Galego Cadete; así como das boas clasificacións acadadas na primeira xornada da Liga galega de Karate Kumite, na que Mariana Simión López gañou o ouro e Pablo García Yáñez o bronce; e na segunda xornada, co ouro en kata para Mariana Simión López os bronces en kumite para Mariana Simión e Pablo García Yáñez, así como no campeonato galego absoluto e de clubes, no que o equipo de Jaime Roldós, Elisa González e Xabier Pérez levaron o bronce.

Igualmente felicita o Concello ao Natación Cedeira. O seu nadador Teo Sanesteban vén de recoller catro ouros no Campionato Galego, e Roque Caneiro gañou a plata, mentres que Damián Suárez quedou subcampeón coa selección galega de cross no campionato de España. Xunto con iso, Irene García Nebril foi Su Campioa Galega sub12 e Damián Suárez Couto, sub campión galego Sub18, en campo a través. Lucas Riola Delgado, Lara Solsona Santás e Damián Suárez Couto foron convocados pola Federación Galega de Triatlón a unha concentración no Centro de Tecnificación de Cáceres e Damián Suárez Couto, recibiu a chamada da Federación Española de Triaflón para participar nuns adestramentos e test no Centro de Alto Rendemento Joaquín Blume de Madrid, así como pola Federación Galega de Triatlón para participar na Copa de Europa de Triatlón de Quarteira. También Roque Caneiro consiguió 3 oros y 1 plata en el campeonato gallego.

En Cedeira existe unha intensa vida deportiva e son moitos os clubes que traballan día a día por chegar a metas máis ambiciosas. Vai para todos eles a felicitación do Concello.

O CONCELLO DE CEDEIRA CELEBRA O GRAN NÚMERO DE PERSOAS QUE PRACTICAN DEPORTE NA LOCALIDADE

O Concello de Cedeira reivindica a importancia que ten o deporte na vida cotiá do pobo, unha realidade que se concreta no número de persoas que asisten ás escolas deportivas municipais e que pertencen aos diferentes clubes. No último reconto, tras a posta en marcha dun novo curso de actividades, son 1.874 os veciños e veciñas da localidade que practican regularmente deporte.

As escolas deportivas municipais para adultos contan en total con 565 persoas inscritas: 95 en Circuit Training; 115 en Crossfitness; 78 en Aquagym; 51 en Natación; 74 en Pilates; 80 en Pádel; 10 en Bádminton; 11 en Saúde da Auga; 11 en Tenis e 40 en Ximnasia de Mantemento. En canto as escolas deportivas infantís, suman outras 399: 9 en Tenis; 29 en Patinaxe; 46 en Ximnasia Rítmica; 46 en Pádel; 163 en Natación; 34 en Fútbol Sala; 39 en Bádminton; 16 en Voleibol e 17 en Multideporte.

Tamén destaca a variedade e vitalidade dos clubes deportivos de Cedeira e o número de deportistas con licencias federativas. Son 30 en Karate; 70 en Remo; 85 en Pádel; 55 en Baloncesto; 9 en Bádminton; 190 no Cedeira SD de Fútbol; 23 no Discalzas; 85 en Natación; 47 en Triatlón; 55 en Atletismo e 24 de Apader.

A conta complétase coas 37 persoas que participan nas actividades deportivas nas parroquias de Carballa-Montoxo, San Román, Sisalde, Saa e Régoa, e coas 200 que van por libre á piscina e ao ximnasio municipal.
O goberno local está orgulloso desta realidade, que reflicte un apego da poboación de Cedeira polos hábitos saudables de vida e polos valores que están asociados ao deporte como o espíritu de superación, o compañerismo, a inclusión… e trata de corresponder á veciñanza con máis investimentos que melloren os equipamentos e faciliten as diferentes prácticas deportivas.

Así, cómpre recordar que nos últimos meses rematou a renovación do pavimento e o marcador do Polideportivo Municipal (151.000€), está contratada a renovación do céspede artificial do campo do Beco (237.000€) e en proceso de adxudicación outras actuacións como as novas caldeiras para a piscina municipal (85.000€), a ampliación do ximnasio (máis de 62.000€) e a adquisición de novas máquinas (20.000€). Ademais, este ano incrementouse un 66% a contía destinada a subvencionar as actividades e os investimentos dos clubes deportivos, chegando aos 60.000€ (45.000€ para actividaes e 15.000 para investimentos).

O goberno que comparten PSOE e BNG ten entre as súas prioridades a xestión de novos proxectos que melloren as condicións para os deportistas locais. É o caso da demandada piscina de 25 metros e tamén da mellora das instalacións do club de remo.

O CONCELLO INVISTE CASE 20.000€ NOS APARATOS PARA MELLORAR O EQUIPAMENTO DO XIMNASIO MUNICIPAL

O Concello de Cedeira vén de contratar a subministración de máquinas de musculación para o ximnasio municipal e a súa instalación por valor de 19.998,88€ (IVE incluído). Mercaranse diferentes aparatos que mellorarán o equipamento dispoñible para os adestramentos, cumprindo así co proxecto de Orzamentos Participativos aprobado polo pleno da corporación o pasado mes de maio.

O goberno local conta cunha axuda de 10.000€, xestionada diante da Secretaría Xeral para o Deporte e que vai cubrir a metade do investimento. Segundo a resolución da subvención, a adminstración autonómica aporta 5.882€ con cargo ao exercicio 2023 e os restantes 4.118€ corresponderán ao de 2024. Concretamente, adícanse 17.711€ á compra dos aparatos e preto de 2.300€ á instalación dos mesmos.

A lista da compra abrangue máquinas multipress, apertura e deltoides, femoral-extensións, prensa horizontal, dorsais-remo medio, abdutor-adutor, glúteo e functional trainer, segundo o aprobado nos Orzamentos Participativos xurdidos do proceso democrático que no pasado curso protagonizou o alumnado de terceiro de ESO do IES Punta Candieira.

Cómpre recordar que actualmente están en proceso de contratación as obras de ampliación do ximnasio municipal, que ocupa un espazo contiguo á pista multideporte do Pavillón Municipal. O Concello conta cun orzamento de preto de 62.000€ para esta actuación, coa que o espazo pasará dos 83 metros cadrados actuais aos 119 en total, permitindo a instalación dun equipamento máis completo e variado.