Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O CONCELLO CREARÁ RUTAS TEMATIZADAS PARA A POSTA EN VALOR DA “CEDEIRA MARIÑEIRA”

Xunto co proxecto “Cedeira Mar”, dirixido a divulgar entre o alumnado local e o público en xeral a importancia do sector pesqueiro e marisqueiro, o Concello de Cedeira ten previsto poñer en marcha este mesmo ano a iniciativa “Cedeira Mariñeira”. Encadrada tamén no campo de acción do GALP A Mariña-Ortegal, esta iniciativa vai enfocada á creación de rutas tematizadas, para facer a pé ou en bicicleta, a través das que se porá en valor o patrimonio mariño material e inmaterial da localidade.

Este proxecto ten un presuposto de 44.528€ e afonda na política do goberno local de Cedeira de promocionar a cultura mariñeira da vila e recoñecer a importancia do sector pesqueiro, tanto como axente fundamental na dinamización económica da zona como tamén como un valor turístico en si mesmo.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que “Cedeira Mariñeira” vai servir para deseñar as rutas e crear o material asociado a elas facendo fincapé en iconas da paisaxe cedeiresa como os Cantís de Herbeira, os miradorios de San Fiz de Esteiro, Robaleira, Punta Sarridal, Santo Antonio de Corveiro, Punta Candieira e outros lugares, xunto coas lendas, anécdotas e datos históricos asociados a eles e que forman parte da cultura local.

As rutas de “Cedeira Mariñeira” incorporaranse como unha alternativa turística e de lecer á páxina web municipal. Os contidos estarán dispoñibles en tres idiomas e facilitarase o acceso a eles a través de experiencias sonoras e visuais –con códigos QR-. O Concello contará, para o desenvolvemento desta iniciativa, coa colaboración do Club Candieira, unha entidade adicada á promoción do sendeirismo e a bicicleta de montaña, e en xeral de todas as disciplinas deportivas relacionadas co monte, que será de grande axuda para o deseño dos percorridos.

CEDEIRA IMPULSA UNHA NOVA CAMPAÑA ARQUEOLÓXICA, A TERCERIA DO PRESENTE ANO, NO CASTRO SARRIDAL

O Concello de Cedeira impulsa unha nova campaña arqueolóxica no xacemento do Castro Sarridal. É a terceira deste ano despois, das dúas anteriores de escavación e consolidación, e servirá, segundo explicou o director dos traballos, Emilio Ramil de AXA Arqueoloxía, para completar o coñecemento dos restos parciais que se descubriron na anterior e que puxeron de manifesto a existencia dun templo tardoantigo de planta basilical.

A realización desta nova campaña é posible grazas á financiación que conseguiu o Concello dun programa de subvencións da Xunta de Galicia para a mellora das infraestruturas turísticas. Así, dentro deste ano 2021 realizouse xa unha primeira quenda de escavación, financiada polo Concello con 14.399€ (IVE incluído), á que seguiu outra de consolidación dos restos descubertos, que sufragou a Dirección Xeral de Patrimonio.

Agora, dada a dispoñibilidade dunha axuda por un importe similar ao da primeira campaña, lánzase un novo programa de 22 días de traballos arqueolóxicos nos que se vai sacar á luz toda a planta do devandito templo e facer, ao mesmo tempo, a consolidación da zona para que os restos queden protexidos cara ó inverno.

Segundo explicou Ramil, os restos e materiais descubertos do antigo templo confirman a súa datación en torno a finais do século IV e comezos do V d.C., o que confirma que a zona de Sarridal estivo habitada durante oito séculos, desde o século III a.C., cando se datou a pedra formosa, ata o final da época romana e a chegada dos visigodos e a cristianización.

CEDEIRA ABRE ESTE SÁBADO A NOVA PROGRAMACIÓN CULTURAL DO AUDITORIO CO CONCERTO DE LISBOA

O Concello de Cedeira abre este sábado a nova programación cultural do Auditorio Municipal para este trimestre co Concerto de Lisboa a cargo de Gonçalo Guerreiro. A fin de semana chega tamén cunha proposta para nenos e nenas. Baixo o título Sabios, xogos e xograres, a praza do Floreal acollerá un obradoiro de xogos medievais co que se lembrará o oitavo centenario do nacemento de Afonso X o Sabio.

Gonçalo Guerreiro é un artista polifacético nacido en Lisboa e residente en Galicia. Froito desa viaxe xorde esta proposta musical, moi acaída para unha vila que ten benquerenza pola música portuguesa. En Concerto de Lisboa, Guerreiro presenta un repertorio de temas en portugués a partir de poemas de Fernando Pessoa, no que viaxa do humor á morriña, do rock á canción de amor, ou do pop ao jazz, pasando por suposto polo fado. O espectáculo será gratuíto, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal.

Pola súa banda, a actividade para o público familiar está programado para o domingo pola mañá, a partir das 12.00 horas na praza do Floreal. Sabios, xogos e xograres é unha actividade artellada no marco do programa FalaRedes de dinamización lingüística, cuxo obxectivo é ampliar o abano de actividades de lecer que se desenvolven empregando a lingua galega. Neste caso, a actividade parte do recordo de Afonso X, o rei sabio que escribiu as Cantigas de Santa María, para aprender aos nenos e nenas asistentes diferentes xogos medievais e, a continuación, facer unha competición.