Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A CAMPAÑA DE ESCAVACIÓN NO SARRIDAL DESCOBRE OS RESTOS DUNHA FORXA DA ÉPOCA GALAICO ROMANA

O equipo de Axa Arqueoloxía vén de rematar unha nova campaña de escavación no Castro Sarridal, con financiación da Dirección Xeral de Patrimonio, que deixou interesantes achados. En concreto o descubrimento de varios elementos dunha forxa castrexa da época galaico romana: parte dos muros, a fragua, unha base de pedra que faría as veces de macho e as pías nas que estaría a auga para enfriar as pezas. Emilio Ramil, o director dos traballos arqueolóxicos, confirmou que en moitos xacementos galegos apareceron restos que confirmaron este tipo de actividade industrial, pero que esta é a primeira ocasión en que se poden presentar estas estruturas.

A zona da forxa está situada entre a muralla perimetral do castro e o cantil, fóra do recinto residencial. Na escavación apareceron restos de opus signinum, un pavimento romano, así como pezas de tella que indican a existencia dunha cuberta a dúas augas nesta área de traballo. Este pavimento está sobre outra capa de empedrado propiamente castrexo na que aparecen vestixios de foxas que xa eran empregadas para recoller a auga, así como escorias que confirman que tamén antes esta parte do asentamento era utilizaba para forxar ferramentas de ferro antes da chegada dos romanos. Entre os achados están tamén pedras anfibolitas que son altamente refractarias e que se empregarían para expor ao lume.

Esta nova campaña de escavacións confirmou unha vez máis a importancia do xacemento do Castro Sarridal. Desde o ano 2017, no que comezaron os traballos, sucedéronse as campañas financiadas polo Concello de Cedeira e a Dirección Xeral de Patrimonio. Confirmouse a través dos sucesivos achados que este foi un lugar habitado desde o século III ou IV a.C. ata o IV ou V d.C. Nel apareceu a quinta pedra formosa descuberta en Galicia –o que sería un balneario castrexo-, unha moneda romana e as devanditos elementos dunha ferrería prehidráulia, entre outros elementos.