Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO DISPOÑEN UN SERVIZO DE ASESORAMENTO DURANTE OS MESES DE SETEMBRO E OUTUBRO PARA TITORIZAR A PERSOAS EMPRENDEDORAS DO SECTOR PESQUEIRO E MARISQUEIRO

O “PROGRAMA DE VALORIZACIÓN DA PESCA SUSTENTABLE, E PARA IMPULSO DO EMPRENDEMENTO, PRIORITARIAMENTE NA TRANSFORMACIÓN, NO SECTOR PESQUEIRO NOS CONCELLOS DE CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO. EMPRENDEPESCA” (2021-2022) é unha iniciativa conxunta entre os Concellos de Cariño, Cedeira e Valdoviño, financiada co Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP), aprobado na primeira fase de axudas dos Grupos de Acción Local Participativo, de 2021.

O obxectivo principal de EMPRENDEPESCA é impulsar ideas emprendedoras dentro do sector pesqueiro e marisqueiro especialmente a aquelas que promovan a transformación dos produtos do mar dentro dun territorio que se atopa moi centrado na comercialización do produto fresco.

Este proxecto que ven liderado polos Concellos de Cedeira, Cariño e Valdoviño, aposta pola transformación e diversificación do sector a través do xurdimento de novas empresas ou novas liñas de negocio que fagan máis competitivo e innovador o sector do mar.

Durante o mes de setembro e outubro ábrese un servizo de asesoramento ao emprendemento para aquelas persoas ou empresas que teñan interese na posta en marcha dunha idea emprendedora dentro do sector do mar, e vaian na liña da transformación ou diversificación. Este servizo pretende ofrecer a axuda necesaria tanto para ideas emprendedoras que necesitan dun asesoramento integral como aquelas que precisan de consultas puntuais ou específicas.

Este asesoramento individualizado abarca entre outras temáticas: información sobre cales son os trámites legais e administrativos para poñer en marcha unha actividade, como facer un plan de viabilidade e un plan financeiro, cal é a forma xurídica mais acertada para a constitución da empresa, que ferramentas tecnolóxicas facilitan o traballo, que competencia ten a actividade, que fontes de financiación existen, etc.

Este servizo desenvólvese en cada un dos concellos integrantes do proxecto Emprendepesca, Cedeira, Cariño e Valdoviño, no que a persoa interesada so ten que solicitar o servizo a través do correo electrónico emprendepesca21@gmail ou no teléfono 664 538 215.

O proxecto conta cunha páxina web emprendepesca.gal/, na que se pode consultar máis información sobre esta iniciativa, facer consultas ou requirir axuda dos técnicos- asesores que están a disposición das persoas interesadas nesta actuación. Ademais nesta páxina web pódense consultar e descargar recursos de axuda para a posta en marcha dunha empresa.

Seguindo as redes sociais do proxecto de Emprendepesca Facebook @emprendepesca20212022 e Instagram @emprendepesca, pódese estar ao día dos acontecementos deste proxecto que remata a finais do mes de outubro.

Emprendepesca conta coa colaboración de cinco entidades clave neste territorio, e que son as Confrarías de Pescadores de Cedeira e de Cariño, a Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, as Asociacións de Percebeiros de Cariño e de Meirás.