Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

AVANZAN OS TRÁMITES PREVIOS Á REALIZACIÓN DAS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DA VARIANTE DE REGO DE TIDE

O salón de plenos do Concello de Cedeira acolle hoxe unha reunión cos propietarios das fincas afectadas pola construción da variante de Rego de Tide, para a mellora do trazado da estrada DP-2205. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que están a avanzar os trámites desta intervención, coa que vai mellorar a seguridade vial nunha estrada pola que transitan moitos autobuses turísticos camiño de San André de Teixido.

Así, a Deputación da Coruña convocou aos tres propietarios particulares afectados pola obra, así como ao propio Concello de Cedeira, para o levantamento de actas previas ás expropiacións, despois de que rematara o prazo de exposición pública do proxecto sen recibir ningunha alegación. En total, son 4.949 metros cadrados, de diferentes fincas, as que haberá que mercar para construír a nova variante.

A obra vai permitir eliminar a pronunciada curva que actualmente salva o rego de Tide, no punto quilométrico 1+000 da estrada provincial CP-2205. Construirase un novo trazado ao sur, con curvas amplias que facilitarán o paso aos autobuses e vehículos pesados, a unha velocidade máxima de 80 km/hora. Nas obras vai incluída a canalización do curso de auga ao longo dos 42 metros nos que estará a base do terraplén. O novo trazado percorrerá 230 metros, desde o quilómetro +920 ata o 1+220.

O proxecto está incluído no Plan de Investimentos en Vías Provinciais 2020, Quinta Fase, e conta cun presuposto de 29.323,20 euros para as expropiacións e de 350.305,36 metros para as obras.