Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ACOLLE UNHA REUNIÓN ABERTA Á MOCIDADE PARA PENSAR AS POLÍTICAS EDUCATIVAS DA UNIÓN EUROPEA

Cedeira é, xunto con Sobrado, Cariño e Ponteceso, un dos municipios da provincia coruñesa seleccionados a través da Deputación para participar no proxecto europeo Youth Calls EU. Trátase de promover entre a mocidade o debate e a reflexión arredor das políticas europeas para recoller ideas e propostas que poidan influír ou incorporarse á Estratexia da UE para a Xuventude.

A xornada que vai acoller Cedeira estará adicada ao tema “Educación 4.0” e enfocada, por tanto, a artellar propostas nesta materia. Desde o Concello invitan a mozos e mozas de entre 14 e 26 anos a participar na reunión, que se vai desenvolver de 10.00 a 14.00 horas na Praza da Rectoral, e se converter en axentes activos na definición de políticas de mellora no eido educativo. Na reunión desenvolveranse dinámicas de traballo en equipo para contribuír á xeración de ideas de xeito construtivo.

As persoas interesadas teñen que inscribirse previamente enviando unha mensaxe a manuel.martinez@cedeira.gal ou ben chamando ao número 673 223 414.