Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ADXUDICADAS AS OBRAS DE MELLORA NOS CAMIÑOS DE FERNANDO LAGO, CORDOBELAS E BOUZA

O Concello de Cedeira acaba de resolver a licitación do proxecto de mellora dos camiños de Fernando Lago, Cordobelas e Bouza, que se vai acometer con cargo aos fondos obtidos do programa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Así, a oferta de José Manuel Piñeiro López é a adxudicataria ao ser valorada como a máis ventaxosa entre as cinco presentadas ao concurso. O prezo de adxudicación é de 40.704,40€ (IVE incluído).

O camiño Fernando Lago é o máis longo dos tres viais de titularidade municipal que abrangue o proxecto. Está situado na parroquia de Cedeira e ten algo máis dun quilómetro de percorrido, cun ancho medio de tres metros. O firme é de macádam, con algún rego asfáltico, e actualmente atópase bastante deteriorado e con fochancas. As obras van consistir na limpeza das gabias, a adecuación da superficie e a aplicación dunha nova capa asfáltica.

As obras serán similares no camiño de Cordobelas, na parroquia de Esteiro, e no de Bouza, na de Régoa. O primeiro destes viais ten 410 metros de longo e 3 de ancho, e o segundo percorre 760 metros, co mesmo ancho medio. O prazo de execución é de dous meses.