Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ADXUDICADA POR MÁIS DE 150.000€ A OBRA DE SUBSTITUCIÓN DO PAVIMENTO DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DE CEDEIRA

A mesa de contratación do Concello de Cedeira adxudicou a obra de substitución do pavimento do Polideportivo Municipal por un presuposto de 151.247,77€ (IVE incluído), que supón unha rebaixa do 19,2% respecto ao prezo de licitación. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, remarcou que se trata dunha intervención moi importante para poñer ao día a cancha de xogo dunhas instalacións que teñen un uso moi intenso. “O novo solo de madeira que se vai colocar está especialmente deseñado para absorber mellor os impactos dun uso deportivo, con todo o positivo que iso vai ser para os xogadores e xogadoras”, subliñou.

Oito empresas presentaron oferta ao proceso de licitación deste proxecto. A obra, como se recordará, será financiada nun 80% pola Deputación da Coruña e no 20% restante polo Concello, segundo o convenio de colaboración que asinaron o alcalde e o presidente provincial no pasado mes de xullo. O goberno local está moi satisfeito de que vaia a executarse este proxecto, no que comezou xa a traballar no ano 2018, cando encargou o primeiro informe técnico sobre a situación do pavimento do pavillón deportivo municipal.

A actuación abranque a substitución do solo de madeira da cancha de xogo –de 1.211,37 metros cadrados- e tamén do pavimento de linóleo das zonas anexas –165 metros cadrados-. Ademais, no proxecto vai incluída a substitución do marcador actual por un novo que se adaptará a todas as disciplinas deportivas que se desenvolven no polideportivo. Será un marcador dixital, de entre seis e dez metros cadrados, cun sistema de iluminación led que permitirá unha óptima visualización desde calquer punto da instalación. Virá cunha consola de control adaptada a todos os deportes, na que ao seleccionar cada disciplina xa se configurará a pantalla cos parámetros acaídos de tempo e puntuación, e tamén coa conexión á correspondente bucina.

Levantarase o chan actual de madeira, que está formado por tablas de laminado directamente colocadas sobre o formigón, e colocarase o novo, sobre rastreis e asentado nun conxunto de tiras de goma coas que se evitará a deformación da superficie e se garantirá unha mellor absorción dos impactos. Nas zonas anexas á cancha, nas que se desenvolven tamén habitualmente actividades deportivas, colocarase un novo pavimento sintético, desta volta cunha capa de impermeabilización por debaixo que lle dará maior durabilidade.

Moreda Gil recordou que o polideportivo municipal ten máis de trinta anos. “O Concello acomete moitos traballos de mantemento ao longo do ano, pero era precisa a colaboración da Deputación para afrontar unha intervención desta dimensión, polo que queremos unha vez máis agradecer o seu apoio a Cedeira”.