Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O ACENDIDO DAS LUCES, ESTE VENRES, MARCA TAMÉN O INICIO DA CAMPAÑA DE NADAL DO COMERCIO CEDEIRÉS

O Concello de Cedeira ten previsto acender as luces de Nadal o vindeiro venres, 2 de decembro, coincidindo co arranque da campaña do comercio da vila, que un ano máis vai poñer en marcha, coa colaboración da administración local, o reparto de rifas para o sorteo de 3.300€ en vales de compra. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que “o alumeado vai chegar nestas festas a máis rúas e vai ser máis lucido que o ano pasado, para contribuír a dinamizar os negocios da localidade nestas datas tan importantes”. O acendido será ás 18.09 horas, coincidindo co ocaso.

As luces navideñas van alumear este ano máis zonas da vila, chegando ata as vivendas sociais, con especial incidencia nas zonas máis comerciais e o casco vello. A praza do Peixe contará cun abeto de luces de 17 metros de altura, en cuxa base haberá unha entrada e unha saída; na Praza Roxa instalarase un “photocall” con tres renos de diferentes alturas para que a xente poida poñer a súa faciana e facerse simpáticas fotografías; e na praza Marieta haberá un par de renos tirando dun trineo. A praza das Vivendas Sociais, a da Reitoral e o Parque dos Patos terán cadanseu árbore con estrelas.

Xunto con estes elementos, as rúas Real e do Cristo, no casco vello, cubriranse cun teito de luces, e distribuiranse arcos con diferentes elementos decorativos polas rúas da zona urbana e tamén nalgúns puntos do rural, así como adornos nas farolas dalgunhas vias. O proxecto de iluminacion inclúe tamén a colocación dunha decena de conos de diferentes alturas e unha bola de Nadal en 3D na nova praza pública situada xunto ao Pazo Moscoso. O Palacete adornarase cunha cortiña de luces na fachada e as árbores da alameda e da Praza Roxa resaltarán tamén con guirnaldas de luces.

A iluminación festiva funcionará desde o día 2 de decembro ata o 6 de xaneiro, o día de Reis, pero o apagado adiantarase dúas horas para moderar o consumo eléctrico. Tamén desde este venres ata a víspera de Reis, o 5 de xaneiro, un total de 175 establecementos comerciais de Cedeira repartirán rifas entre a súa clientela. Na campaña, segundo explicou Ana Bouza, da Asociación de Comerciantes de Cedeira, participan negocios de todo tipo, empresas de diferentes sectores, desde comercios de roupa e hostalería ata perruquerías, ferreterías e un longo etcétera.

O consumo nos establecementos adheridos á campaña levará aparellada unha rifa para entrar no sorteo que se celebrará o día 14 na Praza Roxa. Del sairá un primeiro premio de 500€, un segundo de 300€, seis premios de 200€ cada un e outros trece de 100€. Son, en total, 3.300€ en cheques para gastar ata o 28 de febreiro nas tendas participantes.

Ana Bouza explicó que o comercio de Cedeira porá todo o seu esforzo, un ano máis, en dinamizar a vila durante as festas navideñas. Como é xa habitual, decoraranse os escaparates con luces brancas e colocaranse alfombras vermellas e árbores de Nadal á porta das tendas. Todo para contribuír a crear o mellor ambiente para as compras, non só para a propia veciñanza senón tamén para as persoas que acoden á vila desde os municipios próximos.

O goberno local, que puxo xa en marcha hay un par de anos a imaxe de marca “Merca en Cedeira”, remarca nestas datas a importancia de apoiar ao comercio local, que ten por diante a campaña máis importante do ano.